Skip to main content
Monforte

A obra de teatro As virxes salvaxes chega a Monforte

Por 20 Outubro, 2021Sin comentarios

A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios continua en Monforte de Lemos este xoves 21 de outubro ás 20.15 horas no Edificio Multiusos coa posta en escena da obra As virxes salvaxes da compañía Teatro do Noroeste. É unha obra composta e dirixida por Eduardo Alonso e interpretada por Luma Gómez, Elina Luaces, Amalia Gómez, Imma António, Ana Santos, Manuela Varela, Miguel Pernas e Fernando González.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes, sendo o aforo limitado seguindo a normativa sanitaria no momento da realización do espectáculo.

A venta de entradas farase dende unha hora antes da actuación ás 19.15 horas e a entrada o salón de actos realizarase ás 20 horas.

Sinopse

As virxes salvaxes é unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír aos nosos maiores en institucións que os atendan e coiden.
Non sempre foi así. Nas culturas rurais, os maiores tiveron sempre unha función, unha ocupación que daba sentido as súas vidas até o final. Máis chegaron as présas e os apuros da cultura urbana e nela, os maiores non teñen cabida, son un estorbo, e preciso desfacerse deles amoreándoos en institucións concibidas para iso.

Nunha destas institucións, varias internas realizan, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución.

Aproveitando a entrada dunha nova interna que é levada alí pola súa filla que non pode atendela, varias internas comezan a cuestionar a institución non deixando nada en pe. A modo de metáfora da propia sociedade, as xentes de ben revélanse contra as imposicións absurdas e desmedidas. O caos que xeran pon a realidade contra as súas propias contradicións, creando situacións tremendamente divertidas. A comedia como factor de crítica ante unha realidade que cada vez se amosa máis pechada en si mesma.

De algún xeito, este espectáculo é unha homenaxe, se cadra un algo irreverente, aos nosos maiores máis revoltosos..

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Concello de Monforte será Dreaming Juliet da compañía Elefante Elegante que terá lugar o xoves 4 de novembro no Edificio Multiusos ás 20.15 horas, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.