Skip to main content
Monforte

Ofertados novos cursos en Monforte sobre o emprego de redes sociais

Por 26 Outubro, 2021Sin comentarios

A vindeira semana celébranse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos ata cinco cursos centrados no uso das redes sociais para aumentar a rendibilidade e a visibilidade do sector agroalimentario.

Así, os vindeiros martes 2 e xoves 4 de novembro falarase de creatividade nas redes sociais para os sectores produtivos de agricultura e gandaría. Ambas accións formativas están programadas en horario de tarde, de 16 a 20 horas. O obxectivo destas xornadas é sacarlle partido ás redes sociais de maneira profesional no sector agroalimentario, xa que son unha ferramenta perfecta para a comercialización do produto. Así, o curso versará sobre as claves para crear contido atractivo (texto e fotos) que conecte cos clientes potenciais, abordando diversas aplicacións de deseño, fotografía e vídeo.

Mentres, os días 2, 3 e 4 de novembro programaranse outras tres xornadas -neste caso- sobre o uso específico das redes sociais para a comercialización de produtos agroalimentarios. En horario de 10 a 14 horas, estas iniciativas xa teñen arredor de 50 participantes confirmados, que recibirán coñecementos sobre as principais redes sociais e sobre como empregalas creando contidos para dar saída ás súas producións. Así mesmo, aprenderán a medir en todo momento os resultados para optimizar as publicacións.

Ambas accións están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes.