Skip to main content
Monforte

Monforte recibe a quinta edición do curso Gandeiros 20-30

Por 27 Outubro, 2021Sin comentarios

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos comeza a semana vindeira -o xoves 4 de novembro- a quinta edición dun curso titulado Gandeiros 20-30, impulsando as competencias empresarias nas explotacións gandeiras, no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego.

Este curso, persegue, en primeiro lugar, facilitar aos participantes coñecemento e ferramentas útiles no campo do control e xestión de custos. Trátase, tamén, de facilitarlles unha visión e un potencial máis amplos no eido económico sobre a súa actividade gandeira e identificar proxectos conxuntos ou individuais que poidan ser susceptibles de apoio posterior por parte da Xunta.

En total, o curso contempla seis módulos, que se desenvolverán noutras tantas sesións, en horario de 9.30 a 14.30 horas. O programa da acción formativa aborda cuestións como a xestión integral do negocio na explotación gandeira, o control de custos a través do manexo da aplicación Conta Láctea e a elaboración de orzamentos, a optimización da xestión fiscal das explotacións, a innovación, o desenvolvemento de habilidades de negociación e os instrumentos financeiros para o crecemento e o desenvolvemento dos gandeiros, como empresarios que son.

Así, con respecto á xestión do negocio, darase formación sobre temáticas como a cadea de valor láctea, a produción, a importación, a exportación e o consumo ou a evolución nos formatos máis demandados polo mercado.

No que atinxe ao control de custos, avaliaranse tanto os propios da produción de leite ou carne como os derivados dos cultivos, así como os indicadores máis relevantes nunha explotación gandeira. En relación coa xestión fiscal, abordaranse cuestións coma os impostos de sociedades, sobre a renda ou sobre o valor engadido, así como o réxime xeral, simplificado e especial da agricultura, a gandaría e a pesca.

O módulo relacionado coa innovación contempla a formación partindo da distribución, da orixe, da calidade, da trazabilidade e tamén orientada cara ao consumidor. Así, formarase aos gandeiros en aspectos como os formatos, os sabores, a saúde e tamén en materia de cooperación para a innovación. No que ten que ver coas habilidades para a negociación dos contratos lácteos, o curso orientará aos gandeiros sobre o mellor xeito de afrontar estes procesos nas súas diferentes etapas e tamén sobre o seguimento da negociación, a xestión de concesións ou o peche da oferta. Este módulo está especialmente pensado para dotar aos participantes de ferramentas útiles na súa negociación sobre os prezos do leite cos compradores e a industria.

Por último, no que respecta aos instrumentos financeiros, esta acción facilitará aos gandeiros ferramentas para a procura de alternativas financeiras a curto e longo prazo, así como información sobre instrumentos de financiamento específicos para cooperativas e plataformas para a captación de fondos.