Skip to main content
A Pobra do BrollónQuiroga

A Pobra do Brollón e Quiroga acollen catas de iniciación de viños

Por 1 Outubro, 2021Sin comentarios

A provincia de Lugo acolle dúas novas catas de iniciación de viños da Ribeira Sacra. As accións formativas están previstas o mércores 6 de outubro na Casa do Concello de Quiroga e, ao día seguinte, na Casa da Cultura da Pobra do Brollón. Nos dous casos celebraranse en xornada de tarde, en horario de 17.30 a 21.30 horas.

O obxectivo principal deste curso é proporcionar coñecementos básicos de enoloxía e viticultura aos asistentes, ademais de ensinarlles as habilidades básicas da cata de viños para que saiban distinguir os atributos positivos dos negativos e ter un vocabulario acorde a este tipo de prácticas.

Así, o programa recolle unha parte teórica centrada nas peculiaridades das subzonas da Ribeira Sacra, pasando polas distintas tipoloxías de viño, a súa maduración e mesmo o seu etiquetado. Seguidamente, combinarase unha parte práctico-teórica sobre as distintas fases que compoñen unha cata, centradas nas parte visual, olfativa e gustativa.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021. Precisamente poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881997279.