Skip to main content
A Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón proxecta mañá o documental Negro púrpura

Por 27 Outubro, 2021Outubro 28th, 2021Sin comentarios

Este xoves 28 de outubro, proxéctase na Pobra do Brollón o filme documental Negro púrpura, unha produción de Illa Bufarda.

A longa, dirixida por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, estreouse en cines hai tan só un mes. Este xoves, a Casa da Cultura Olga Novo acollerá un pase de balde do filme.

“Na Pobra do Brollón programamos audiovisual en galego para ofrecer alternativas de lecer cultural tamén no rural”, comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón. “Á vez apoiamos propostas do sector audiovisual en Galicia tan interesantes como Negro Púrpura”.

Negro Púrpura retrata a Galicia do século vinte a través do cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que abre as portas a unha historia tan sorprendente e descoñecida como importante no devir da cultura galega e da economía dunha época.

Caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo… este fungo de mil nomes conecta a Galicia co resto do mundo e alimenta os relatos dende a porta da veciña ata as multinacionais farmacéuticas e a CIA; dende as pragas medievais, pasando pola medicina popular, ata o LSD.

A proxección será o xoves 28 ás 20.15 na Casa da Cultura Olga Novo. É de balde, previa reserva no teléfono 650 624 828, preferiblemente por WhatsApp.