Skip to main content
Quiroga

Quiroga aproba dúas obras turísticas

Por 16 Outubro, 2021Sin comentarios

A Xunta de Goberno local de Quiroga aprobou na mañá de onte, dúas obras a nivel turístico. A primeira delas, que comezará de maneira inmediata, levarase a cabo na zona de Vilañán, a outra, que tardará un pouco máis en empezar, será no núcleo dos Novaes.

En Vilañán vaise arranxar a pista de acceso ao despegue de parapente e a zona de despegue, recoñecida polos aficionados a este deporte como das mellores polas súas térmicas. A Axencia de Turismo de Galicia aportará 36.000 euros para as intervencións que consistirán en traballos de motoniveladora, realización de cunetas e pasos de auga e na colocación de grava compactada na pista que une Vilañán co despegue de parapente e co miradoiro.

Na zona de despegue realizaranse labores de roza, fresado e semente de especies herbáceas nunha área duns 400 metros cadrados.
Ademais desta obra, estase a espera – como confirmou o alcalde Julio Álvarez – de que se comunique o inicio do arranxo do Miradoiro de Vilañán, que conta cunha achega de 15.000 euros tamén da Axencia Galega de Turismo. A intervención no miradoiro complementará o traballo iniciado polos veciños deste núcleo.

En canto aos Novais. Daráselle un tratamento rústico adoquinado ao tramo do Camiño de Inverno que atravesa este núcleo. O plan HURBE da Dirección Xeral de Urbanismo aportará 70.000 euros para mellorar esta rúa.

O Camiño de Inverno ao seu paso por Quiroga está acollendo importantes melloras dende o pasado ano por parte da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, que inviste máis de 200.000 euros na mellora da sinalización e no acondicionamento dos treitos que se atopaban en mal estado. Pero estas melloras non inclúen ao camiño dentro dos núcleos de poboación polo que esta nova inversión forma parte dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Co acondicionamento da pista do despegue de parapente, do miradoiro de Vilañán e da rúa dos Novais son máis de 120.000 euros os que inviste o Concello de Quiroga de cara ao turismo do municipio e do Xeoparque Montañas do Courel.