Skip to main content
Quiroga

Chega a festa do San Martiño a Quiroga

Por 30 Outubro, 2021Outubro 31st, 2021Sin comentarios

O San Martiño acollerá numerosas actividades organizadas polo Concello de Quiroga. Teatros, xogos tradicionais, actos relixiosos, castañas, concertos… conforman o programa para celebrar o día do patrón da vila. Pero será a unión de dous elementos, o viño e o Camiño de Inverno, a que lle de un significado especial á festa deste ano.

O programa abrirase o xoves, día 11 de novembro, cando o viño e o camiño teñan o seu protagonismo. Dende primeiras horas da mañá a charanga Brisas do Sil recorrerá diversos núcleos polos que atravesa esta ruta Xacobea que ten 36km en territorio quirogués (Montefurado, Bendilló, O Soldón e Os Novaes).

Ás 12 horas será o momento dos actos relixiosos. Misa solemne e procesión, si o tempo o permite, na que o santo homenaxeado recorrerá a zona da praza Maior. Precisamente neste lugar será onde se desenvolvan a partir dese momento todos os actos programados para a xornada de festa local en Quiroga.

A adega local Atrium Vitis realizará unha presentación con degustación dos seus viños a unha do mediodía, que rematará coa actuación da charanga Brisas do Sil. Tamén participará a Confraría do Viño de Quiroga nesta cata dos viños desta adega local e farao cos seus membros ataviados coa súa vestimenta oficial.

A partir das 16 horas, para os máis pequenos, unha actividade infantil e familiar: Sabios, xogos e xograres (patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, programa FalaRedes).

Ás 19 horas será a hora na que cobren protagonismo as castañas. Asaranse máis de 300 k. de castañas para que todos os asistentes as poidan degustar acompañadas de viño novo. Tampouco faltará a música nesta noite do que se encargará Jorge Ferre Band.

Un concerto de María do Ceo (patrocinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística) o sábado día 13, unha andaina por un tramo do Camiño de Inverno para a que se sairá ás dez da mañá do domingo día 14 e a representación da obra de teatro “Invisibles” a cargo do grupo Redum Teatro (organizado polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra), poñerán fin ao programa do San Martiño.