Skip to main content
Deportes SARRIAXASarria

Un club con historia na vila de Sarria

Por 17 Outubro, 2021Sin comentarios

Xabier López – Acevedo Río é o actual presidente do CB Sarria e comenta a actual situación do club e os obxectivos que perseguen. Así mesmo, hai que destacar tamén o papel que cumpren nos diferentes colexios da comarca de Sarria onde tamén levan a cabo adestramentos de baloncesto coma actividade extraescolar.

O Club Baloncesto Sarria continúa sendo un dos referentes deportivos da vila e na provincia de Lugo. O club sarriao naceu en 1987, sen embargo e, como sinala o presidente do club Xabier López-Acevedo, o baloncesto sempre foi un deporte que tivo moito éxito en Sarria, polo que xa antes existía unha gran afección por esta disciplina.

Dende o club defínense coma un club de formación que ten coma obxectivo promocionar o deporte e, sobre todo, o baloncesto na comarca de Sarria. Por esta razón, o máis valorado son os equipos de formación e os colexios, onde tamén sacan equipos.

Así pois, despois de 34 anos, o club foi crecendo e engadindo diferentes categorías, tanto femininas coma masculinas, para que os nenos e nenas de todas as idades de Sarria tiveran a oportunidade de practicar este deporte.

Na actualidade, a evolución foi tal que o club conta con 220 rapaces e rapazas. Desta maneira, o CB Sarria ten equipos en todas as categorías masculinas e femininas a excepción da sénior feminina. Por tanto, este ano, os equipos que hai son once: en categoría benxamín, alevín, infantil, cadete, júnior e sénior; tanto feminina como masculina a excepción de esta última como xa se mencionou anteriormente.

Aínda así, como sinala López-Acevedo é unha cuestión de tempo que se cree este equipo sénior feminino, que daría saída a todas as xogadoras da base que rematan júnior.

No caso do sénior masculino, actualmente, ten coma obxectivo darlle saída á canteira. “É un sénior con xente de Sarria, xente da canteira que é moi nova. A media de idade son 20 anos, polo que o principal obxectivo é ese, darlle saída aos rapaces”, comenta o presidente.

Por outra beira, hai que destacar que o club, a pesar de pertencer a unha vila de tamaño medio, conta cun número importante de xogadores e xogadoras e, segundo Xabier, non hai problemas para encontrar nenos e nenas que queiran participar neste deporte, polo que se pode dicir que a resposta adoita ser bastante boa. No caso do sénior masculino remata sendo máis complicado, “porque normalmente vanse a estudar a fóra e aí xa temos algo máis de problema”.

En canto a adestradores, o club sinala que é un aspecto que tamén se convirte en algo máis complexo pero que, sen embargo, sempre se acaban atopando. De feito, actualmente hai dez adestradores e, catro deles, teñen o título de adestrador de liga nacional. Ademais deles, o club tamén conta con monitores que se encargan na súa maior parte dos equipos dos colexios “temos tamén unha canteira de adestradores”.

Outro dos aspectos que se valoran dende o club é o tema da afección que, a pesar de que coa pandemia se volveu máis difícil o feito de poder asistir a eventos en sitios pechados, a xente segue a ter gañas de ir aos partidos e volver a encher o pavillón municipal O Chanto. Actualmente, a causa da situación sanitaria, é preciso un rexistro de persoas e, no último partido, chegaron 110 espectadores para gozar do encontro, ademais dos xogadores; algo que valoran de maneira positiva dende o club.

PARTICIPACIÓN NOS COLEXIOS DA COMARCA DE SARRIA

O CB Sarria forma parte das escolas deportivas de Sarria, polo que, ademais do propio club, tamén se atopa en diferentes colexios da comarca como actividade extraescolar.

En Sarria, o club atópase nos tres colexios de primaria que hai: na Merced, na Asunción e no Frei Luis de Granada. Así mesmo, tamén se atopan nos colexios de outros Concellos coma no Incio, no Oural e en Paradela; aínda que en este último depende dos nenos e nenas que se apunten, polo que non adoita haber equipo todos os anos. Ademais, dende o club queren continuar crecendo e chegando a outros colexios da contorna como o da Pobra de San Xiao.

Así mesmo, grazas a isto, as categorías superiores poden contar con xogadores de outros concellos ademais de Sarria, aínda que a maioría sexan de este último.

Por outra beira, o club tamén divide en categorías aos nenos e nenas dos colexios, xa que senón habería moita diferencia duns nenos aos outros. Así pois, os máis pequenos son os de 4 a 5 anos que pertencen á categoría de predeporte ou psicomotricidad. Xa en primaria, as categorías distínguense cada dous anos: os de primeiro e segundo de primaria son baby basket, os de terceiro e cuarto de primaria son premini e os de quinto e sexto de primaria son mini. Desta maneira, a diferencia de idade para competir é pequena.

UNHA TEMPADA POSITIVA

Outra cuestión que hai que destacar é a tempada pasada na cal, a pesar de que a competición comezou máis tarde do normal, os nenos e nenas de diferentes categorías puideron gozar de encontros e de adestramentos para volver a retomar pouco a pouco a normalidade.

Ademais, tres dos equipos do CB Sarria disputaron a fase de ascenso a liga galega: o cadete feminino, o cadete masculino e o júnior masculino. Os equipos masculinos caeron na fase de grupos e, polo seu lado, o cadete feminino perdeu na fase final de ascenso contra o Celta Baloncesto Feminino.

Por esta razón e, a pesar de que os ascensos non chegaran a cumprirse, as sensacións foron boas e, tanto xogadores e xogadoras coma afección, puideron gozar dos partidos de Sarria nestes meses de setembro e outubro.