Skip to main content
Cultura SARRIAXAO Incio

Entrevista: “Estamos traballando na recuperación de soutos tradicionais”

Por 26 Outubro, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Héctor Corujo, alcalde do Incio, comenta diferentes temas de actualidade relacionados coa vila e co rural.

Que destacaría do Incio frente a outros Concellos?

Do Incio destacaría a súa situación na provincia, xa que considero que, orograficamente e xeograficamente é un Concello de transición entre os vales de Monforte e Sarria e as montañas de Cobarelas, serras orientais de Galicia.

O Incio é un concello que cara o oeste forma parte destas chairas mencionadas anteriormente e que, cara o leste, a paisaxe cambia ao de media montaña. Esta paisaxe únenos a todos nese sentido. Por esta razón destacaría que temos un espazo de montaña moi ben conservado, uns valores e uns recursos medioambientais e paisaxísticos importantes. De feito, O Incio é unha das poucas zonas de Galicia, por desgraza, na que agora mesmo se poden ver unhas extensións de soutos e de bosque tradicional considerables. Por iso, penso que aquí contamos cun valor moi notable e cunha potencialidade importante en aspectos que poden ser, por exemplo, o cultivo das castañas.

Cales son os principais atractivos do concello?

Falamos de valores medioambientais e de valores paisaxísticos e, a isto, pódenselle engadir valores culturais. Isto é porque temos unha riqueza destacable en arte románico e temos varias igrexas importantes. A que máis destaca sen dúbida é a de San Pedro Fiz do Hospital, que é BIC. Aínda que si que é certo que, recentemente, tamén declararon BIC a igrexa da Cruz do Incio. Esta, a diferenza da primeira, é unha igrexa de arte contemporáneo que se fixo en 1960 e que ten arquitectonicamente uns valores moi destacables.

Ademais, temos un montón de castros e petróglifos. De feito, en canto a isto último, temos un proxecto con Samos e con Sarria nun espazo que compartimos os tres concellos en Santa Mariña, sobre un conxunto de mámoas que, segundo entendidos, é un dos máis importantes de Galicia e incluso de Europa.

Como está vendo o turismo no Incio despois da pandemia?

Temos un espazo que está tendo moito éxito en canto a turismo que é o embalse de Vilasouto. Este embalse creouse evidentemente coma un espazo para a rega do Val de Lemos. Sen embargo, si que é certo que é un embalse particularmente bonito. É pequeno en relación a outros pero está integrado no entorno e, de feito, se non te fixas na presa case parece que non é un embalse, senón que é un lago natural.

Dende a pandemia notamos que hai moitas persoas que o visitan e que ten un entorno a modo de praia fluvial. A xente vai alí a tomar o sol, a pasear, a pescar… Por esta razón e, ao considerar o atractivo e a potencialidade da zona dende un primeiro momento, conseguimos que fora navegable. Tan só falta que se acometan unhas obras de perimetración da valla, dunha zona que pode ser perigosa, para que se poida empregar para navegar. A navegación está limitada a vela ou a remo, en ningún caso a motor, o que abre un importante abanico de actividades. De feito, un par de clubes de piragüismo, un de Lugo e un de Monforte, xa se puxeron en contacto con nós polo interese que teñen en empregar ese espazo para realizar deporte.

Ao mesmo tempo, estamos intentando acordar coa Consellería de Medioambiente, o feito de darlle continuidade á ruta de Vilasouto. O que temos en mente é facela circular e que bordee todo o embalse para poder iniciala onde queiras e poder volver a ese punto sen necesidade de ter que dar marcha atrás. En vistas ao turismo, este é un dos espazos que estamos vendo que máis demanda ten e que conta cun interese importante, por iso queremos traballar niso para potencialo no posible.

Hai que engadir tamén un par de rutas que hai no concello: a ruta do Mamut e a ruta do Ferro. A nivel paisaxístico, quizais é máis interesante a do Ferro, xa que o espazo é máis atractivo. Sen embargo, a ruta do Mamut ten un interese enorme xa que pasa ao lado dunhas canteiras de roca calcaria onde apareceron os únicos restos de mamut que se atoparon en Galicia. Actualmente tamén hai unha reprodución en forma de estatuas duns mamuts.

Visto o éxito do embalse de Vilasouto, hai algunha actuación programada na zona?

Agora mesmo non temos ningunha data para dicir. Sen embargo si que estamos en contacto con escolas de piragüismo e incluso con persoas que teñen interese en montar un negocio de alugar pedaletas. Polo momento non hai nada pechado e estamos vendo e traballando as distintas posibilidades que abre o escenario de poder navegar o embalse.

Que aspectos considera que se deben de mellorar na vila?

O Concello do Incio, como moitos do sur de Lugo, ten un problema demográfico grave e é a alta idade media dos nosos habitantes xunto coa despoboación. A realidade é que, dende fai anos, a xente estase indo para vilas e cidades e isto marca claramente o que é a vida no concello e dificulta enormemente o tema da súa xestión. Ao final, intentas levar servizos como son a recollida de lixo, o abastecemento da auga ou o saneamento a un grupo moi reducido de persoas que, evidentemente, teñen o mesmo dereito ca zonas onde hai máis poboación. Sen embargo, si que é certo que o custe de achegar eses servizos a un pobo que tan só teña dous veciños, multiplica por moito o dun pobo que estea máis concentrado. A isto hai que sumar que no colexio teñamos unhas cifras pequenas e que teñamos que loitar todos os anos co tema da inscrición do profesorado e intentando que persoas con pequenos se matriculen no centro xa que, ao fin e ao cabo, estas cifras non son óptimas.

Que solucións considera que podería haber?

Realmente é complicado porque isto non é unha cuestión do Incio, nin de Lugo, nin de Galicia… Se tivésemos unha financiación de verdade e non estivéramos totalmente tutelados, e digo tutelados porque dependemos absolutamente doutras administracións que te subvencionan as cousas, igual se poderían deseñar políticas para atraer xente, fomentar a natalidade, bonificar a veciños… políticas que incentiven ás persoas para que volvan ao rural.  Sen embargo, sen ter cartos é moi difícil implantar este tipo de políticas. Ao final, o tema da financiación estanos condicionando de forma absoluta e as administracións deberían implicarse máis para que a xente sentira de verdade que vivir nas aldeas ten algunha vantaxe fronte a vivir en vilas ou en cidades.

Que plans de futuro hai para O Incio?

Estamos traballando na recuperación de soutos tradicionais. Paréceme fundamental conservar a paisaxe que temos e os recursos medioambientais e, para conservar os soutos, telos que usar. Agora mesmo temos un montón de soutos que están abandonados xa que a xente nin os poda, nin recolle castañas, polo que ves como pouco a pouco van morrendo. Hai que ter en conta que os soutos non son entes naturais e que, ao final, foron creados pola man do home, polo que a forma de explotalos é artificial. Por iso, o que nos gustaría é que se volvesen a coidar eses soutos por unha dobre función: a medioambiental e paisaxística e a maiores, a económica. Pero para que iso se coide, é preciso que os propietarios dos soutos vexan con claridade unha rendibilidade económica. Penso que todo o mundo é consciente da importancia de conservar estes espazos, sen embargo, si economicamente non dan a mesma rendibilidade que outro tipo de plantacións, o resultado é que acaben abandonados. Por iso, considero fundamental que as administracións, dalgunha maneira, compensen esa esixencia económica dos soutos ou ver que o mercado, se fose posible e sendo o desexable, sexa atractivos para que os donos cheguen a ver interesante a explotación dos soutos.

Estase a realizar ou tense programada algunha actuación na Aldea Modelo de Trascastro?

A Aldea Modelo é un primeiro paso na liña de recuperación de terras abandonadas. En Trascastro o que se fixo, foi recuperar 14 hectáreas que estaban a monte e que estaban perimetrando a aldea. Ao limpala e darlle un uso gandeiro xa se fai un uso rendible das terras, ademais de axudar noutras cuestións. Este é o primeiro paso para ir recuperando o noso rural e para darlle as ferramentas á xente para que poida vivir aquí. A cuestión está en incidir en actuacións dese estilo.

Outro problema que vexo no rural é a estrutura da propiedade que no seu momento puido ser moi boa. Sen embargo, non é unha solución acorde ao que é a produtividade actual en gandaría e agricultura, na que se precisar grandes superficies para traballar de maneira cómoda e produtiva. De feito, a lei de recuperación de terras que se aprobou recentemente é o que intenta paliar. A Aldea Modelo é unha das figuras que contempla esta lei para a recuperación de terras, que ten como obxectivo darlle vida ao rural para que poida ser traballada de forma rendible, sen falar de figuras agresivas nin de expropiacións.