Skip to main content
Láncara

Láncara aproba un suplemento de crédito para a compra dos terreos do tren na Pobra

Por 8 Outubro, 2021Sin comentarios

O pleno do Concello de Láncara aprobou un suplemento de crédito para a adquisición dos terreos e da antiga edificación do ferrocarril situada na Pobra de San Xiao. Desta maneira, vanse comprar 21.000 metros cadrados, nos que se atopan a antiga estación de ferrocarril, o almacén e os terreos que hai ao redor, que van dende un paso de nivel a outro.

Actualmente, todos eses terreos pertencen ao Administrador de Infraestructuras Ferroviarias -Adif- e o Concello xa acordou e está pendente de firmar o convenio para cambiar a titularidade. Esta operación, segundo o alcalde do Concello de Láncara, Darío Piñeiro, foi unha operación custosa, longa e complicada, que acabou cun resultado positivo.

Por outro lado, aínda non se ten coñecemento da contía pola que se van adquirir estes terreos xa que o proxecto está sen cerrar e aínda se está en negociacións, sen embargo, segundo o rexedor, o prezo de compra non vai a superar os 120.000 euros. “Estamos moito por debaixo de valor catastral, polo que é unha boa operación”, sinalou Piñeiro.

A finalidade da compra deste espazo é reformar as instalacións e facer unha mellora importante nos accesos e conexións co centro urbano da Pobra de San Xiao.

Así mesmo, Darío Piñeiro informa de que xa existe un plan especial -ao que lle queda tan só a aprobación definitiva da Xunta de Galicia- onde se contempla un espazo de zonas verdes, así coma unha rotonda que conecte a estrada LU-546 coa rúa Benigno Quiroga e a rehabilitación da estación e do almacén de ferrocarril para empregalo, entre outras cuestións, para actividades de carácter cultural.

Sen embargo, mentres a titularidade non sexa do Concello de Láncara definitivamente, non se pode executar ningunha obra, nin tampouco pedir subvencións de ningún tipo.

Segundo Piñeiro, esta actuación é de gran magnitude e, de feito, sinala que “creo que é a xestión máis importante deste concello na súa historia”. Ademais, tamén considera que é “unha pena que se perdera o tren xa que tería que haber continuado a súa actividade por Láncara”. Por tanto, actualmente considera que esta operación é fundamental e defende tamén a importancia de adecentar uns terreos que se atopan en estado de abandono.