Skip to main content
Paradela

Paradela acolle un acto no día de Defuntos

Por 29 Outubro, 2021Outubro 30th, 2021Sin comentarios

O próximo martes 2 de novembro, Festividade de Defuntos, vaise celebrar ás 13 horas no cemiterio de San Miguel de Paradela, capitalidade do concello, un acto en memoria dos alí enterrados, xa que grazas a eles o idioma pervive e medra entre nós.

Na entrada do cemiterio vaise descubrir unha placa “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque Galicia segue a ter cultura e lingua de seu. Novembro, 2021”. A colocación desta placa está promovida polo Concello de Paradela e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

No acto intervirán Xosé González Martínez, Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística; Xesús Mato Mato, musicólogo e Fillo Predilecto de Paradela; Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e José Manuel Mato Díaz, Alcalde de Paradela. Ademais, tamén asistirán a este acto Irene López, viuva do escritor Manuel Rodríguez López, e a familia de Manuel López López, O Lagoa.

A continuación visitarán o Panteón de Paradelenses Ilustres, único no seu xénero en Galicia, no que foi enterrado o escritor Manuel Rodríguez López, Fillo Predilecto de Paradela, ao que se lembra nunha placa en galego “polo seu destacado labor cultural como escritor, e polo amor demostrado a esta terra durante toda a súa vida”.

Visitarán, asimesmo, o nicho de Manuel López López, que el mesmo construíu e que, polo seu desexo foi rotulado en galego, que lembra “O canteiro que fixo este nicho, Manuel López López, (O LAGOA), finou o 2-05-2014, con 92 anos”.

Este acto, é a continuación – dous anos despois – do que se celebrou na Festa de Defuntos de 2019 no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño (Paradela), por ser o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego.