Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “O obxectivo principal é practicar a arte do bonsái todo o mellor que se poida”

Por 31 Outubro, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

José Antonio Peña é o actual presidente da Asociación de afeccionados ao bonsái El Serbal. Leva 35 anos neste mundo e, despois de comezar a expoñer por varios espazos cun colectivo, conseguiuse crear un grupo afeccionado que foi evolucionando ata o que é agora a Asociación El Serbal.

Cando naceu a asociación e por que?

A asociación comezou en abril do ano 2017. Nace dun colectivo que estaba situado en Monforte de Lemos, que se chamaba Asociación de Bonsái Val de Lemos. Despois, agregáronse os de Sarria e puxemos de nome Val de Lemos – Sarria e xa no ano 2015 decidimos que o mellor era refundar os dous grupos e crear unha asociación.

Cantas persoas compoñedes a asociación na actualidade?

Somos cerca de 20 ou 21 persoas.

Que obxectivos teñen actualmente?

O obxectivo principal é practicar a arte do bonsái todo o mellor que se poida, coa única finalidade de expoñer por diferentes lugares como Sarria, Monforte, Lugo ou por onde nos chamen. Ademais diso, potenciarse todo o posible tecnicamente no mundo do bonsái porque isto é unha tarefa de moito tempo e de moita dedicación.

Hai algunha actividade ou evento programado proximamente?

A nivel público, agora mesmo non hai eventos programados. Quizais a principios de ano se organiza algo na Casa da Cultura se se pode. Ata agora estabamos a facer exposicións ao aire libre na rúa Porvir, onde temos o local e o centro de bonsái, sen embargo, o ideal sería xestionar algún evento de interior.

Como levou a asociación a covid?

Á dereita, José Antonio Peña, presidente da Asociación El Serbal

Levámolo daquela maneira. Aos obradoiros que se programaban íamos catro ou cinco persoas. Uns días ían uns e outros días ía outros a pesar de que temos un local moi grande no que podemos estar perfectamente separados. Sen embargo era complicado o tema de desprazamento a causa dos peches perimetrais, xa que nesta asociación hai xente de Lugo, de Sarria, de Monforte, de Oviedo…

Actualmente, recuperaron a actividade normal?

Si. O que pasa é que acabamos de saír do mes de agosto, cando está paralizado o tema de traballos de bonsái. Agora mesmo, a actividade está limitada a regar e a algún abonado. O importante do bonsái chega a partir de agora, de outubro ata xuño. En xuño volvemos parar xa que non é o momento e, ao final, estamos traballando seres vivos e con eles hai que ter certa precaución e adaptarse á propia bioloxía da árbore.

En que consiste a actividade que realizan neses meses?

Nós o que facemos é recuperar árbores, sobre todo, das ladeiras das estradas que están máis desmouchados polas diferentes máquinas de roza e limpeza. Ademais diso, algúns compañeiros que teñen fincas tráenos das fincas e traballámolos aquí. De todas formas, estas árbores que se recuperan da natureza e que non veñen de sementes nin viveiros, teñen un proceso moi lento de adaptación.

Primeiro hai que recuperalo porque se lle corta toda a raíz. Despois deixalo descansar e ir abonando a medida que vai brotando e ilo potenciando o máximo posible para que a raíz se fortaleza. A partir de aí, empezamos os traballos de prebonsái, que son os traballos previos a que se faga bonsái.

Canto adoita tardar este proceso?

Un bonsái non se fai ata que pasan oito ou dez anos. Se vas a un viveiro e colles unha planta, dende o momento en que o inicias ata que se convirte nun bonsái de exposición minimamente aceptable pasan entre seis e oito anos. Se queres ter algo de maior envergadura, hai que irse a dez ou doce anos.

Que plans de futuro ten a asociación?

Primeiro hai que ver se seguimos no local que temos en Sarria xa que ese é outro dilema. Con esta nova incorporación, conseguiron facilitarnos moito as cousas e hai que agradecerllo pero se ven outra incorporación e nos botan de alí, as árbores volverán as propiedades privadas de cada un xa que isto son coleccións privadas. Isto conleva a que o seguimento sexa moito máis complicado.

En principio o que temos pensado é continuar coas exposicións e cos obradoiros. Ademais, hai que mencionar que non só expoñemos árbores, senón que tamén expoñemos cerámica que facemos nós mesmos. A asociación, dentro dos mesmos socios, ten un grupo de cerámica.

E no tema da cerámica canto tempo levan?

Coa cerámica lévamos dende o ano 2014 ou 2015, cando empezamos a facer os primeiros obradoiros. Loxicamente non tiñamos fornos e tiñámonos que trasladar para fóra de Sarria. Agora xa temos autonomía para cocer, para fabricar e temos autonomía de materia prima porque empregamos moitísimas arxilas do val de Lemos e do val de Sarria. Desta maneira imos progresando co tema.

O tema da cerámica témolo enfocado aos bonsáis. Nós o que facemos é facer pezas para os bonsáis ou para as pezas de centro que son as que acompañan nas exposicións aos bonsáis. Desta maneira, tamén aforramos comprar as macetas. Aínda así, cada un a nivel individual pode facer as pezas que desexe.

Entón tamén imparten talleres de cerámica?

Si. Xa levamos dous anos facendo uns talleres con nenos e nenas no local, onde se fan as exposicións. Temos dous fornos, un para cocer normal e outro para cocer coa técnica Rakú.

Onde adoitan realizar as exposicións?

En Monforte, por exemplo, levamos dous anos sen expoñer porque temos moitas dificultades. Ao final, son árbores de moita envergadura e costa moito o traslado. Desta maneira, cada un leva nos coches o que pode. Por iso, non é o mesmo levar no coche tres ou catro árbores que meter 30 ou 40. Por iso, actualmente desprazarse de Sarria resulta complicado xa que está todo concentrado alí. Sen embargo, si que fixemos exposicións por aí e temos ido a lugares máis lonxe coma Vegadeo.

Como adoitan acoller os veciños e veciñas as exposicións?

Moi ben. É unha pena que levamos dous anos con esta situación e este ano incluso estivo a punto de suspenderse a exposición de xuño. Pero o dito, lévano moi ben e, incluso, as familias dos compoñentes da asociación ven o progreso que se está alcanzando e que cada vez hai máis calidade de material. De feito, os nosos árbores non teñen nada que envexar ás plantas que se cotizan no mercado.

Reciben axudas de algunha institución?

De momento nada, todo isto costeámolo os socios. Si que é certo que cando se fai a exposición na rúa Porvir encárgase o Concello, que é quen nos dá as mesas, os bancos, manteis e, este ano, tamén nos deron máscaras e xel hidroalcohólico.

No tema da economía estamos á espera de que a Deputación nos faga unha concesión temporal dun torno e dalgunha máquina que necesitamos para o barro pero de momento non sabemos nada. En metálico non recibimos absolutamente nada dende o 2017 para adiante.