Skip to main content
Sarria

A mostra No Camiño xa está dispoñible na oficina de turismo de Sarria

Por 27 Outubro, 2021Sin comentarios

Foi presentada na oficina municipal de turismo de Sarria a mostra itinerante No Camiño, que co subtítulo As imaxes que viron os peregrinos recompila imaxes antigas dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo, ademais de textos literarios relacionados con eses anacos da historia do Camiño, hoxe perdidos na súa maior parte.

Así pois, a exposición poderase visitar ata o vindeiro venres 12 de novembro, en horario de luns a venres de 9.15 a 14.30 horas. Para visitala noutros horarios poden consultar os números de teléfono 982 535 000 o 982 530 668.

A mostra conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e actualmente está a percorrer os Camiños de Santiago pola nosa provincia.

No Camiño

A exposición reflicte escenas, paisaxes e xentes do Camiño que puideron ver os peregrinos no decurso do tempo a través de antigas fotografías de fotógrafos de sona ou anónima, que representan un caleidoscopio vital do Camiño no último século.

Con este Proxecto-Homenaxe quérese divulgar algunhas das súas fermosas imaxes, entrañables, inesquecibles, acompañadas por textos literarios que as complementan ou destacan, en singular conxunción de arte visual e literaria, ao servizo da intelixencia cómplice do espectador.

As fotografías, perfectamente localizables polo espectador e debidamente identificadas, son un valor por si mesmas e o testemuño da luz resulta complementado ou resaltado polas citas literarias, que poñen de relevo tanto os aspectos que a imaxe reflicte como outros detalles históricos ou sociais, que axudan á comprensión ou ao impacto, por completar a visión do espectador.

A exposición está formada por 10 paneis impresos por ámbolos dous lados, que conteñen fotografías e os seus correspondentes textos.