Skip to main content
Sarria

Continúan as obras de mellora no CAPD de Sarria

Por 28 Outubro, 2021Sin comentarios

Continúan acometendo melloras no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria por un importe total de case medio millón de euros. Desta maneira, esta mañá visitouse o complexo para supervisar os traballos que se están a levar a cabo.

Durante o percorrido polas instalacións, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, explicou que acaban de rematar os traballos de acondicionamento da entrada exterior do recinto, nos que se investiron 42.200 euros para rehabilitar por completo o pavimento. A actuación estase a completar co repintado das prazas de aparcamento, tarefa que finalizará nuns días.

Tamén están en execución as obras de substitución da cuberta do edificio principal, que previsiblemente terminarán en decembro. Os traballos teñen un orzamento de adxudicación próximo aos 388.000 euros e inclúen a renovación do teito de lousa para incorporar unha nova capa de illamento térmico con panéis sándwich.

A intervención afecta a todos os volumes e alturas do inmoble, co obxecto de mellorar as condicións de estanquidade. O mesmo proxecto prevé ademais a renovación da cuberta da pérgola do xardín.

Gasto social

Fernando González Abeijón aproveitou a súa visita para poñer en valor “o traballo que fan a diario os profesionais deste centro”, que conta con 120 prazas. Salientou que se reforza o gasto social para mellorar a calidade de servizos públicos como o que presta o CAPD de Sarria e así o reflicten os orzamentos da Consellería de Política Social para o vindeiro ano, que destinan 6,1 millóns de euros a obras de mellora en centros residenciais da provincia de Lugo.