Skip to main content
Triacastela

Triacastela recibe mañá O Autobús da Repoboación

Por 18 Outubro, 2021Outubro 19th, 2021Sin comentarios

O Concello de Triacastela acolle no día de mañá, martes 19 de outubro, unha iniciativa estatal para poñer en valor a España rural como terra emprendedora e de innovación social, denominada O Autobús da Repoboación.

A caravana, que está a percorrer o Camiño Xacobeo e outras localidades do resto de España para finalizar en Santiago de Compostela, pon o foco na súa terceira edición no emprendemento feminino e na importancia da muller no medio rural.

Visibilizar as iniciativas do medio rural

En cada unha das paradas o autobús realiza un coloquio e un programa de televisión en directo, que é retransmitido por PresuraTV nas súas canles de Youtube e na súa páxina web, e que terá como protagonistas a persoas emprendedoras de cada comarca, especialmente mulleres.

O lema deste ano é Rural Feminino, polo que se busca poñer en valor e visibilizar o peso que as mulleres teñen no medio rural e o que terán a futuro coa reconsideración cara a novos modos de emprendemento e innovación social nas zonas rurais. O autobús deste ano loce unha gran ilustración dunha muller con capa, unha heroína rural moderna, que é obra da artista vasca María Lezón.

Presentación en Triacastela

En Triacastela, a xornada inaugurarase pola tarde, ás 16 horas, na praza da Deputación, coa presentación do autobús por parte da conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García, e da alcaldesa da localidade, Olga Iglesias, ademais dos representantes do proxecto.

De seguido realizarase un programa televisivo sobre repoboación rural que contará coa participación de ambas as dúas dirixentes públicas.

Tamén haberá unha mesa redonda cunha ducia emprendedoras, mulleres rurais da localidade e da Comarca que exporán o que significa para elas a vida no rural.

Autobús da Repoboación é unha iniciativa do centro de impulso do emprendemento social El Hueco, coa colaboración de diversos gobernos autonómicos e as administracións locais nas que fan parada.