Skip to main content
SamosTriacastela

O TSXG anula o acordo para modificar o parque eólico de Oribio

Por 29 Outubro, 2021Outubro 30th, 2021Sin comentarios

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolle o recurso interposto pola Asociación Sociocultural O Iribio e acorda a anulación, por ser desconforme a dereito, do acordo aprobado polo Consello da Xunta o 27 de xuño de 2019 para a modificación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico de Oribio, situado na Zona Especial de Conservación (ZEC) Os Ancares-O Courel, en Lugo.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo deixa sen efecto o contido dese acordo e impón á Administración demandada as costas do xuízo ata un máximo de 1.500 euros. O alto tribunal galego entende que o proxecto 2007-2009, autorizado pola resolución do 31 de maio de 2007, coa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) aprobada o 12 de agosto de 2005, está caducado, pois non se explotou nin estiveron instalados aeroxeradores. A resolución que o autorizaba indicaba que o promotor tería un prazo de 12 meses contados a partir da data de ocupación dos terreos para a posta en marcha da instalación, indican os xuíces, os cales salientan que non se pode “modificar o que non existe”.

A DIA de 2005, segundo o alto tribunal, resulta “obsoleta para amparar a avaliación ambiental do proxecto modificado de 2018, polos múltiples e variados cambios lexislativos e de catalogacións de especial protección do terreo, non podendo entenderse validada por unha prospección vía informes gobernativos”. Contra a resolución cabe presentar recurso.