Skip to main content

Por Pablo Veiga

Unha asalariada… do pobo alemán. Foi esa a definición coa que a todo poderosa Angela Dorothea Merkel se refería a si mesma, a cal, despois de dezaseis anos, deixará o poder, sendo a partir das eleccións lexislativas do último domingo de setembro un  novo parlamento quen escolla a persoa que lidere o xigante europeo, Alemaña, nos vindeiros tempos.

Nesta columna, o habitual é que se faga referencia a aspectos, historias e personaxes propios ou próximos ao noso entorno, buscando a  relación directa ou indirecta coa Chaira. Mais nesta ocasión, permítaseme dedicarlle o artigo a unha das políticas europeas máis significativas e que deixan unha pegada que ninguén pode obviar.

Merkel criouse na coñecida como R.D.A., a Alemaña comunista que quedou baixo a órbita soviética tra-la segunda guerra mundial, afacéndose e adaptándose á rigorosidade do réxime. Unha vez caído o Muro de Berlín e a raíz da posterior unificación do Oeste e Leste nun só estado, comezaría a súa carreira política, primeiro como ministra e logo de vencer nas eleccións do ano dous mil cinco, como xefa do goberno.

Como todo personaxe dedicado á cousa pública e despois dun período de tempo tan longo, existen valoracións para tódolos gustos, pero en xeral o seu legado está a ser loubado e recoñecido. Ela destacou entre o resto de mandatarios, sendo quen –na maior parte das ocasións- de levar a iniciativa. Sempre estivo en primeira liña, sen esconderse en crises importantes como a dos refuxiados chegados de Siria, Iraque e doutros lugares onde se estaban a cometer auténticas atrocidades. Merkel, a diferenza doutros estados membros da Unión Europea, incluído o noso, si deu un paso á fronte e abriu a man para que varios centos de miles deses homes, mulleres e nenos se asentasen en Alemaña, a pesares da controversia xerada e do desafío que esa decisión levaba consigo. Distinguiuse de moitos dos seus colegas, onde a escaseza de visión de futuro dificultáballes mirar máis aló de catro anos vista, porque sabía moi ben que Alemaña precisará de man de obra traballadora para facer viable unha sociedade que tamén acusa o fenómeno do avellentamento. Soubo como ninguén marcar territorio contra actitudes xenófobas e racistas, cortando de raíz calquera aproximación a posturas intransixentes daqueles grupos que anhelan voltar a un pasado que se caracterizou pola intolerancia e que tan só causou dolor e destrución. Tampouco dubidou en botarlle un pulso a ese excéntrico que había de presidente nos Estados Unidos; aquela famosa fotografía dos líderes mundiais entorno a unha mesa, onde era ela quen trataba de convecer a Trump pasará á Historia. E foi capaz de gobernar cos seus rivais directos.

Angela Merkel predicou co exemplo no seu estilo de vida. A imaxe que transmitía coa súa vestimenta, facendo ela mesma a compra no supermercado e vivindo no seu propio domicilio, contribuiu a consolidar ese liderazgo no conxunto de Europa.

Moitos dirixentes, actuais e futuros, das diversas ideoloxías, teñen un espello no que mirarse. Abofé que se botará en falta a esta asalariada do pobo alemán