Skip to main content

Por Rebeca Maseda

Somos nada, un graniño de area perdido no deserto, un organismo planctónico flotando na inmensidade do océano, pero aínda así, os seres humanos pensamos que podemos dominar o mundo. Teño gravadas na retina as imaxes da erupción do volcán “Cumbre Vieja” da Illa da Palma, tremendo espectáculo, fermoso e aterrador ao mesmo tempo. Non me podo nin imaxinar o medo e o estupor que deberon sentir os nosos queridos veciños da Palma cando o chan comezou a tremer e o volcán a ruxir, escupindo linguas de lava no medio da rocha fundida: ¿Estaremos ante a fin do mundo, a apocalipse? Preguntas perfectamente lóxicas ante o que podería ser a boca do inferno descrito por Dante na súa Divina Comedia…

A ansia do ser humano por dominar os elementos da Natureza remóntase a tempos inmemoriais. Certo é que a revolución tecnolóxica tan exponencial na que estamos inmersos é realmente abafante e pode ata facernos dubidar do poder absoluto que os catro elementos da Natureza -auga, terra, lume e aire- exercen sobre as nosas vidas. Son indomables, non teñen dona nin dono e non piden permiso cando irrompen con forza de xeito inesperado, deixando pegadas de destrución ao seu paso. Dramático, sí, pero fascinante á súa vez.

Dentro da mitoloxía grega atopamos ao titán Prometeo -fillo de Japeto e a oceánide Clímene- quen viaxa ata Lemnos, residencia do deus Hefesto, para roubar parte do lume divino que iluminaba a fragua deste Deus. Toda unha proeza destinada a axudar aos Humanos, castigados por Zeus ao retorno dunha vida salvaxe como acto de vinganza polo engano de Prometeo. Lamentablemente isto non logrou calmar a ira de Zeus: preso de cólera ordena encadear a Prometeo no Cáucaso, onde unha aguia lle devoraba diariamente o fígado. Por riba, cada noite volvía reproducírselle polo que a tortura era constante. Afortunadamente parece ser que Hércules liberouno de tan arrepiante destino cando completaba os seus “Doce Traballos”.

O mito de Prometeo gozou de diversas interpretacións ao longo da historia da cultura occidental. Dende unha figura protectora e civilizadora en prol da Humanidade frente aos Deuses, pasando por arquetipo romántico e rebelde que desafía a Deuses e Natureza ou incluso como figura funesta sinónimo de sufrimento e destrución.

Falamos dun elemento referencial, fonte de inspiración inesgotable para todo tipo de artistas ao longo da historia. Existen múltiples e variadas obras de arte froito da fascinación polo mito de Prometeo. Probablemente unha das máis famosas e recoñecidas sexa a pintura realizada por Rubens, un dos máis grandes pintores da escola flamenca, pero non foi o único. José de Ribera, Jan Cossiers ou Heinrich Friedrich Füger tamén nos deixaron a súa propia visión de Prometeo.

No ámbito musical quixera mencionar tres exemplos moi representativos. O primeiro deles é o ballet composto por L.van Beethoven: “Die Geschöpfe des Prometheus” -”As criaturas de Prometeo”-. Escrita en 1801 e estreada no Burgtheater de Viena, a obra consta de dous actos, sendo a abertura o movemento máis interpretado actualmente nas salas de concerto. Ademais varios temas do ballet foron utilizados posteriormente por Beethoven noutras obras tan importantes como a Primeira Sinfonía, a Terceira Sinfonía “Heroica” ou as “15 Variacións con fuga para piano – Eroica Variationen”.

Outros dous exemplos de “Prometeos musicais” son os poemas sinfónicos compostos por Franz Liszt -escrito en 1850 e revisado en 1855- e Alexander Scriabin -escrito entre 1909 e 1910-, dúas obras de gran complexidade harmónica e formal.

Sentirnos marabillados e á vez temorosos ante os fenómenos da Natureza responde a un instinto natural do ser humano. A forza dun volcán ou a inmensidade dunha selva son realidades que merecen todo o noso respecto e capacidade de estudo, sempre co obxectivo de acadar unha maior comprensión do medio que nos rodea pero xamais con ansias de dominación, porque, teñámolo claro, somos un elemento máis da ecuación, non o centro da mesma.