Skip to main content
Comarca TERRACHÁXA

Concellos do Camiño Norte orixinal comprométense á conservación deste treito

Por 10 Outubro, 2021Outubro 11th, 2021Sin comentarios

Os oito concellos polos que pasa o tramo do Camiño Norte orixinal que vai de Vilalba a Betanzos asinaron un documento no que se comprometen coa promoción do bo estado do treito. O tramo está validado para a obtención da ‘Compostela’ polo Cabido da Catedral de Santiago.

Betanzos acolleu onte a sinatura dunha declaración conxunta dos oito concellos polos que transita o treito do Camiño Norte orixinal que une os municipios de Vilalba e Betanzos, entre dos que se atopa Guitiriz. Alcaldesas e alcaldes dos concellos asinantes: Vilalba, Xermade, Guitiriz, Aranga, Monfero, Irixoa, Paderne e Betanzos, reuníanse para a sinatura e recibían o documento acreditativo conforme o tramo está validado para a obtención da Compostela.

Ao acto, que tivo lugar no Cine Alfonsetti da localidade betanceira, acudían máis representantes municipais da zona, ademais dunha representación da veciñanza que solicitara este recoñecemento, así como o coengo e anterior deán da Catedral de Santiago de Compostela.

Neste sentido, o pasado 15 de xullo, Segundo Leonardo Pérez López (presente no acto de hoxe como coengo), en representación do Cabido da Catedral de Santiago e como director da Oficina do Peregrino, expediu un documento no que se concede a Compostela a todos os peregrinos que, seguindo o tramo Vilalba-Betanzos e cumprindo as condicións acostumadas, cheguen ata o sepulcro do Apóstolo da Catedral de Santiago de Compostela.

Os concellos do tramo Vilalba-Betanzos do Camiño Norte orixinal, comprométense a “promover as medidas necesarias para sinalizar e manter os camiños en bo estado, así como a atraer e acoller coa maior hospitalidade aos peregrinos e demais camiñantes”.

Con este fin os concellos mirarán de recompilar de todas as entidades públicas e privadas con responsabilidades no nos ámbito o seu apoio. A Xunta de Galicia será unha das administracións ás que dirixirse coa fin de que culmine o proceso de recoñecemento oficial que garante a plena protección deste tramo Vilalba-Betanzos no contexto do Camiño Norte orixinal.

Cabe salientar que recentes investigacións confirman que o Camiño Norte orixinal de peregrinación a Compostela viña, e vén, en paralelo ao mar Cantábrico, entrando por Galicia por Ribadeo, pasando por Mondoñedo, Vilalba e Betanzos.

Así, durante séculos, os peregrinos deixaron a súa pegada nos concellos de Vilalba, Xermade, Guitiriz, Aranga, Monfero, Irixoa, Paderne e Betanzos. Atravesaban a Terra Cha ata a Serra da Loba e baixaban cara ás Mariñas. Este camiño conecta dúas vellas capitais do antigo Reino de Galicia: Mondoñedo e Betanzos.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, salientaba no acto: “hai que poñer en valor o Camiño. Todas as variantes teñen cabida. Non teñen que ir unhas en detrimento doutras”. Tamén destacaba que é “moi importante que os veciños dos distintos concellos teñan apego polo Camiño. Hai que convivir con el”. E ao mesmo tempo, advertía que ademais da veciñanza, “todas as administracións temos que implicarnos para que se poida vivir, traballar e medrar economicamente ao redor do Camiño”.

Marisol Morandeira agradecía: “As persoas e administracións que se implicaron nesta aventura. Especialmente a don Segundo que naceu en Guitiriz e foi peza clave para articular esta declaración que asinamos hoxe”.