Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca TERRACHÁXA

Anuncian en Muras que se manterán as axudas a gandeiros afectados polo lobo

Por 23 Outubro, 2021Outubro 24th, 2021Sin comentarios

A Xunta de Galicia continuará no 2022 coas axudas destinadas a previr e a paliar as consecuencias dos ataques da fauna silvestre. Así, os orzamentos para o vindeiro ano inclúen unha partida de máis de 900.000 euros para financiar medidas de carácter preventivo en cultivos e explotacións, unha contía que duplica a destinada inicialmente nas contas deste ano.

Durante unha visita a Muras, un dos concellos máis afectados polos ataques do lobo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que o seu departamento fará un esforzo orzamentario para seguir ao carón dos gandeiros ante unha problemática que previsiblemente se agravará tras a recente publicación da orde de protección do lobo por parte do Goberno central.

Neste sentido, indicou que, a maiores da orde de prevención, tamén haberá unha nova convocatoria das axudas para paliar os danos causados por lobos, xabarís e osos sobre o gando e os cultivos agrícolas. En concreto, os orzamentos do próximo ano reservan 2,1 millóns de euros a este fin —a mesma contía que este ano—, de forma que, en total, a Xunta mobilizará algo máis de 3 millóns de euros a través de ambos programas.

“Incrementamos substancialmente as partidas porque a pesar da inseguridade xurídica causada polo Goberno central, non podemos deixar atrás aos nosos gandeiros”, subliñou a conselleira, que durante a visita estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e preto dunha ducia de gandeiros da zona.

De feito, Ángeles Vázquez agradeceu tamén aos asistentes a súa implicación activa na fronte aberta para tratar de deixar sen efecto a orde ministerial aprobada o pasado mes de setembro polo Goberno central de forma unilateral.

Neste sentido, referiuse ás 1.735 sinaturas recollidas por gandeiros e veciños das comarcas lucenses da Mariña e a Terra Chá e que xa lles remitiron ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico —promotor da orde— e ao Ministerio de Agricultura coa intención de amosar o seu rexeitamento a unha medida que, na práctica, impedirá calquera tipo de acción cinexética de control sobre a especie.