Skip to main content
Comarca TERRACHÁXA

O SLG pide aos concellos de Guitiriz e Xermade que recollan alegacións ao parque eólico do Mistral

Por 27 Outubro, 2021Outubro 28th, 2021Sin comentarios

Na actualidade está en exposición pública e prazo de alegacións ata o 22 de novembro o Estudo de Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Mistral de 100,8 MW e a súa infraestrutura de evacuación na provincia de Lugo. BOP LUGO número 161, 7 DE OUTUBRO DE 2021. Código do proxecto: PEol-334 AC, proxecto que afecta os concellos da Terra Chá Xermade e Guitiriz, segundo informa o Sindicato Labrego Galego.

Dada a “importante afectación” que este proxecto implica para a veciñanza de ámbolos dous concellos por parte do Sindicato Labrego Galego, presentaron solicitudes nos dous concellos pedindo que o igual que fixeron no PE Santuario, poñan a disposición de quen o precise nas oficinas municipais información do proxecto e o mesmo tempo tamén como fixeron no anterior parque lle faciliten á veciñanza un modelo de alegacións e colaboren na súa elaboración e presentación.

Ao mesmo tempo queremos informar que por parte do Sindicato Labrego, van iniciar unha campaña informativa para achegar as implicación que para a nosa comarca ten o PE Mistral e tamén facilitar a veciñanza a elaboración das alegacións.

O parque eólico Mistral tamén é unha solicitude de Greenalia Wind Power. Terá 100,8 MW de potencia nominal, estará integrado por dezaoito (18) aeroxeradores tripala de velocidade variable e paso variable, con 150 m de rotor e potencia nominal unitaria de 5,6 MW 50/60 H., con 105 m de altura de buje, situados nos termos municipais de Xermade, Guitiriz e Vilalba.

Contará cunha subestación elevadora SET PE MISTRAL 30/220 kV, para poder elevar a tensión xerada e evacuala a través da LAT 220 kV NORDÉS-ABEGONDO, situada no Concello de Xermade.

Tamén figura unha liña aérea de alta tensión en 220 KV desde a SET PE MISTRAL ata o apoio NOR-MIS 154 da LAT 220 kV Nordés-Abegondo, realizando desde leste o tendido dun dobre circuíto para realizar a entrada e saída da LAT 220 kV Nordés – Abegondo e energizar a subestación do PE Mistral, e que discorre polo termo municipal de Xermade.

Ademais realizará varias asambleas informativas para explicar a situación aos veciños. Estarán o día 2 de novembro na escola de Labrada e o 10 na de Ventisca (Buriz), no Concello de Guitiriz. No de Xermade haberá charlas na propia vila o día 3 de novembro, o 12 na casa escola de Momán, o 16 na asociación de Cabreiros e o 17 na escola de Miraz.

Todas as charlas serán ás 16.00 horas.