Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

O BNG propón o cambio de nome para a Granxa Gayoso Castro

Por 23 Outubro, 2021Outubro 24th, 2021Sin comentarios

O BNG proporá ao pleno provincial un cambio na denominación da Granxa Gayoso Castro, retirando da nomeclatura deste complexo de titularidade provincial o nome de quen fora presidente da Deputación de Lugo durante o franquismo.

O voceiro nacionalista e deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro, explicou que se trata de avanzar na retirada de recoñecementos e honras ao franquismo, como xa se fixo cos cadros dos presidentes da Deputación durante o ditadura que colgaban dos corredores do Pazo de San Marcos.

“A pesares dos anos transcorridos dende a aprobación da Lei de Memoria Histórica, aínda e necesario remover nas institucións os recordos que nos remiten a época da ditadura franquista. A día de hoxe, e despois da retirada das paredes dos corredores do Pazo de San Marcos dos cadros dos presidentes da institución nomeados polos dedos dos partícipes no golpe de Estado e na posterior ditadura militar, aínda continúa a empregarse o nome dun deles , Gayoso Castro, para referirse a granxa da Deputación”, expuxo Efrén Castro, defendendo que “as institucións non poden acoller elementos de recoñecemento ao franquismo ou ás persoas que o representaron porque iso contribúe a branquear e lexitimar a ditadura, algo inaceptable nunha sociedade democrática”.

A proposta do grupo nacionalista formula tamén unha denominación alternativa, Complexo Agrogandeiro e de Investigación Universitaria, facendo referencia á actividade agrogandeira e de investigación que se desenvolve no complexo, que acolle o Centro de Recría ou o Centro de Investigación Láctea, creado coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela.

“Entendemos que as accións en relación á memoria histórica non van dirixidas ao pasado senón ao futuro, polo que as actualizacións do nomenclátor deben recoller os novos usos e realidades”, apuntou o voceiro do grupo nacionalista.

José Gayoso Castro entrou a formar parte da Comisión Xestora da Deputación de Lugo en maio de 1939 e ocupou a presidencia da entidade provincial entre 1941 e 1946. A denominación “Granxa Gayoso Castro” figura na sinaléctica e identificación da entrada do complexo de Castro Ribeiras de Lea.