Skip to main content
Guitiriz

O Pleno de Guitiriz aproba un paquete de obras viarias de 738.000 euros

Por 1 Outubro, 2021Outubro 2nd, 2021Sin comentarios

O goberno local do Concello de Guitiriz aprobou onte en pleno, coa abstención do grupo do PP e do BNG, un suplemento de crédito valorado en 738.000 euros no que se inclúen unha serie de obras de mellora de equipamentos e da seguridade viaria.

Este plan de actuacións inclúe a adecuación dos antigos vestiarios do ximnasio do CEIP Lagostelle para destinar ese espazo a outros usos (40.000 euros); a mellora das instalacións da piscina municipal Sete Muíños, instalando un novo vaso para o seu uso polos menores e ampliando a súa contorna para aumentar o aforo (25.000 euros); a obra civil para levar a cabo a canalización da liña eléctrica que agora está soportada polo transformador existente na rúa Mercado (70.000 euros); a ampliación da zona común do Centro de Día para poder aumentar as prazas deste a 20 usuarios e usuarias (64.000 euros); adquisición dunha nave no polígono para dar servizo ao persoal de oficios do Concello (279.000 euros), e o asfaltado de vías de titularidade municipal (260.000 euros).

Ademais, aprobouse por unanimidade unha enmenda para incluír o CEIP Santo Estevo de Parga nestas actuacións.

Na sesión plenaria tamén se realizou a aprobación definitiva por unanimidade o estudo de detalle para reaxustar a aliñación e rasantes na avenida da Coruña e na rúa Fonte de San Blas e se aprobou a conta xeral do ano 2020, con votos a favor de PSOE e PP e abstención do BNG.

Ademais, a moción do BNG sobre o proxecto eólico Santuario nos concellos de As Pontes, Xermade, Vilalba e Guitiriz foi aprobada con votos do PSOE e BNG e abstención do PP.

Foron rexeitadas dúas moción, a do PP sobre a Casa da Botica, con votos en contra do PSOE e BNG, e a favor do PP, e a do PP en relación á factura eléctrica, que foi rexeitada cos votos en contra do PSOE, a abstención do BNG e a favor do PP.