Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAGuitiriz

Guitiriz, sede da reunión do Deporte Escolar para a zona da Terra Chá

Por 26 Outubro, 2021Outubro 27th, 2021Sin comentarios

A Casa Habanera acolleu o encontro para coordinar e volver a poñer en funcionamento tras a pandemia o ‘Programa Xogade’, impulsado pola Xunta. Na xuntanza participou a alcaldesa, Marisol Morandeira, o concelleiro de Deportes, Iván Morado e o técnico de deportes, Manuel Martínez.

A Casa Habanera do Concello de Guitiriz foi a sede elixida para a xuntanza do Deporte Escolar para a zona da Terra Chá, na que participaron os Concellos de Guitiriz, Vilalba, Cospeito, Begonte, Abadín, Mondoñedo, Xermade, Meira, Pastoriza, Rábade, Castro e Outeiro.

O obxectivo desta reunión foi a de coordinar e volver a poñer en funcionamento, tras o parón pola pandemia da covid-19, o Programa Xogade impulsado pola Xunta, que ten a concepción do deporte como promoción de saúde e benestar, sen esquecer nin deixar de lado o rendemento deportivo.

No encontro participaron Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz; Iván Morado, concelleiro de Deportes do Concello de Guitiriz; Manuel Martínez, técnico de deportes de Guitiriz; Manuel Otero, Xefe de Servicio de Deportes da Xunta; Carlos Lorenzo, Responsable de Deporte Escolar da Xunta; Dani Moirón, Técnico da Xunta e Juan Somoza, Coordinador de Deportes da Agrupación Terra Chá.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, apoiou este tipo de inciativas xa que “é importante que todas e todos os escolares poidan ter acceso á práctica de actividades físico-deportivas sen que exista ningún tipo de discriminación”.

Na mesma liña, Iván Morado, concelleiro de Deportes, puxo en valor este tipo de iniciativas “nas que se pretende fomentar e estender o deporte educativo e saudable a toda a sociedade dende as idades máis temperás”.