Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

O BNG oponse á desviación dunha estrada para ampliar o circuíto de Outeiro

Por 1 Outubro, 2021Sin comentarios

O BNG de Outeiro opúxose á proposta do alcalde para desviar unha estrada, introducíndolle unha curva nun tramo que agora é completamente recto, co obxectivo de ampliar outra vez o circuíto de velocidade de Outeiro, “parece ser que esta vez para construír unhas novas bancadas”.

O BNG argumentouno dicindo que o concello non podía seguir a investir cartos nese circuíto sen antes ter feito un plan de viabilidade para el, así como ter elaborado e publicado o sistema de control de todo o que alí acontece, incluídos os movementos de cartos que se producen.

“Un negocio onde se move tanto diñeiro non pode estar funcionado sen ningún tipo de control, máxime cando alí se levan investido varios centos de miles de euros. O circuíto xa leva tempo funcionando pero o concello practicamente non ten nada recadado. Iso terán que xustificalo de forma detallada…”, manifestou o voceiro do BNG.

Hai que ter en conta que se acaban de aprobar uns orzamentos onde quedaron patentes os problemas económicos do concello, pois todo o investimento deste ano vai a cargo dun crédito bancario e hai facturas que se pagan con máis dun ano de retraso debido á falta de liquidez do concello. “Con esa situación, hai luxos que non nos podemos permitir. Non se poden subir as taxas municipais ata un 40% para logo dilapidar os cartos desta forma”, rematou o edil do BNG.