Skip to main content
As Pontes

As Pontes lembra a orixe do seu topónimo

Por 2 Outubro, 2021Outubro 4th, 2021Sin comentarios

Esta semana cumpríronse 650 anos do acontecemento que deu orixe ao nome de As Pontes de García Rodríguez.

En setembro de 1371 o rei Henrique II convoca as Cortes na cidade zamorana de Toro. As Cortes son unha asemblea que preside o monarca asistido polo consello real e no que están representados os diferentes grupos sociais da época: nobreza, clero e estamentos cidadáns (cidades e vilas).

As Cortes prolongáronse durante varios días e o 30 de setembro o rei asinou a doazón da Vila das Pontes de Eume ao cabaleiro García Rodríguez de Valcárcel, como recoñecemento á lealdade mostrada.

O contexto desta lealdade hai que situalo no conflito acontecido trala morte temperá de Afonso onceno, que será sucedido polo seu fillo Don Pedro (Pedro I) e a quen lle disputará o trono o seu irmán Henrique de Trastámara (Henrique II). En apoio de Don Henrique acudirá o nobre García Rodríguez de Valcárcel, que participará na batalla de Nájera. Este é un importante episodio bélico no que participarán ingleses e franceses, que xa estaban enfrontados nun longo conflito.

Nesta importante batalla Henrique de Trastámara é derrotado, pero consigue escapar, cuestión que será decisiva. García Rodríguez de Valcárcel é preso nesta batalla, polo que ten que pagar unha importante suma de diñeiro para ser liberado. Un par de anos máis tarde, Henrique de Trastámara gañará a guerra contra o seu irmán e farase de forma definitiva co trono de Castela e León. Co novo rei García Rodríguez recibirá a vila das Pontes de Eume e o seu couto, un enclave situado no norte do Condado de Trastámara.

O rei Don Henrique realiza unha doazón “pura y perpetua y non revocable” para García Rodríguez e os seus descendentes, da vila das Pontes e do seu alfoz, con tódolos seus dereitos e rendas. A vila localizábase dentro do Condado de Trastámara.

Ademais, xunto a esta doazón, o rei Henrique II concede a García Rodríguez autoridade para nomear alcaldes e alguacil así como escribáns públicos e calquera outro oficio necesario para lograr o bo funcionamento da vila.

A carta de privilexio rodado da doazón das Pontes de Eume que se conserva é unha copia feita por Luís de Salazar (1658-1734) do privilexio orixinal que estaba no Arquivo do Conde de Lemos. O privilexio rodado orixinal non se conserva e a copia consérvase na Colección Salazar y Castro da Real Academia de la Historia.