Skip to main content
As Pontes

María Rivas reitera o compromiso do Goberno co futuro industrial das Pontes

Por 8 Outubro, 2021Outubro 9th, 2021Sin comentarios

A subdelegada lembra que esta mesma semana acordouse a concesión de 111 millóns do Fondo de Transición Xusta para a provincia da Coruña, incluíndo As Pontes.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, reiterou que o Executivo manifesta “con feitos” o seu compromiso inequívoco co futuro industrial da comarca das Pontes, afectada polo peche da central térmica de Endesa.

María Rivas lembrou que esta mesma semana o Goberno acordou a concesión de 111 millóns do Fondo de Transición Xusta para Galicia, que se destinarán ás dúas comarcas afectadas por estes procesos, unha delas As Pontes: “Galicia é a segunda Comunidade que máis contía recibe para este concepto”, detallou.

Este fondo é un novo instrumento financeiro no ámbito da política de cohesión cuxo obxectivo é prestar apoio aos territorios que se enfrontan a retos socioeconómicos importantes derivados do proceso de transición á neutralidade climática.

A subdelegada reclamou á Xunta a mesma implicación “con feitos e non con declaracións”. Así, trasladou ao Goberno autonómico a necesidade de que asine o protocolo xeral de actuación para a execución dos procesos de transición xusta que permiten materializar os obxectivos e proxectos definidos nese protocolo marco.

María Rivas lembrou que “A Xunta é a única que non asinou o protocolo xeral co Goberno do mesmo xeito que xa fixeron o resto de comunidades afectadas por estes procesos, de todo signo político”, apuntou. Mentres isto non se produce, o Ministerio para a Transición Ecolóxica non está parado senón que segue avanzando no deseño dos convenios para Meirama e As Pontes a través do Instituto para a Transición Xusta.