Skip to main content
As Pontes

En marcha un proxecto de recuperación da memoria colectiva das parroquias pontesas

Por 12 Outubro, 2021Sin comentarios

O Concello das Pontes pon en marcha, coa colaboración do Ministerio de Cultura,  un proxecto de participación cidadá para a recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial local, que conforma a identidade colectiva do municipio das Pontes.

Elena López, responsable da área de Turismo e promotora desta iniciativa apunta que “este proxecto denomínase “Lembranza do Eume”, e que debe nome á voz “lembrar” que significa “facer memoria”. Con el buscamos recoller e recordar  aspectos que teñen que ver coas expresións e tradicións que herdamos d@s nos@s antepasad@s, como poden ser as formas de socialización para os traballos e para as festas, os saberes tradicionais ou narración orais que se foron transmitindo de xeración en xeración e que forma parte do noso patrimonio cultural inmaterial e explican quen somos”.

Algúns dos aspectos que se recollerán a través deste proxecto estarán relacionados, por exemplo, cos usos socias e festivos, costumes en relación a datas como o Nadal ou o Entroido, os folións de San Xoán, romarías e costumes das festas patronais así como saberes tradicionais relacionados cos oficios, formas de socialización colectiva arredor de traballos como a sega, a malla, as muiñadas ou cuestións relativas ao coñecemento da natureza como poden ser as plantas medicinais.

A recompilación levarase a cabo a través dun proceso participativo no que as asociacións veciñais e culturais das parroquias pontesas serán un piar central, colaborando na identificacións de aspecto e cuestión que conforman o patrimonio cultural inmaterial das Pontes. Ademais o proxecto contará cunha parte dedicada ás “persoas maiores”  depositarias da memoria oral, ás que se entrevistará con fin de recoller a memoria colectiva.

O primeiro encontro celebrarase o  venres 15 de outubro ás 11:30 horas, de xeito telemático, e terá unha duración aproximada dunha hora. Para participar é preciso inscribirse  no seguinte enlace: https://bit.ly/3aegKOu

Para obter maior información, as persoas interesadas poden contactar co equipo coordinador do proxecto no teléfono 604 025 160.