Skip to main content
Rábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

Teatro este sábado en Rábade a cargo do grupo Curuxán

Por 28 Outubro, 2021Decembro 23rd, 2021Sin comentarios

O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo programa para este sábado 30 de outubro a representación da obra Spinof, de Curuxán, no Centro Sociocultural de Rábade ás 19 horas.

Este espectáculo de humor e improvisación para público adulto está baseado no método Harold de creacións en escea impro. A través de tres historias conectadas co “efecto bolboreta”, o propio público escollerá aos protagonistas, ás súas historias, o contexto e os seus obxectivos: un home de negocios que precisa axuda, unha anciá que só ten lembranzas e unha axente de viaxes que quere rematar a súa xornada para poder descansar.

Este caos argumental sen guión ofrece o maior dos protagonismos ao público asistente, conseguindo dar sentido ao que acontece sobre as táboas a través da ferramenta da improvisación “in situ” tras as decisións que toman os propios espectadores. O grupo de teatro Curuxán comeza a súa actividade hai 7 anos, partindo do mundo das artes escénicas e audiovisuais. Pouco a pouco, van creando “grupos de improvisación nos que adestramos unha vez por semana a mecánica de actuación”, asegura José Luis Bermúdez, responsable do grupo. Hai xa seis anos que participan do circuíto de teatro afeccionado, facendo unha valoración “moi positiva pola motivación que supón para todos nós”.

Circuíto de Teatro Afeccionado

Nesta nova edición do circuíto 2021 participan dezanove compañías –catro máis que o ano pasado- ofrecendo as súas representacións co apoio da Vicepresidencia da Deputación, que dá continuidade ao programa Buxiganga con esta nova fórmula adaptada á situación de pandemia.

Xunto a Curuxán Teatro Impro (Lugo), participan Alentía Teatro (Palas de Rei), o Grupo de Teatro do Hospital – HULA (Lugo), a Asociación Cultural Abrente (As Nogais), Axóuxeres (Vilaronte, Foz), Hipócrita Teatro (Lugo), Os Palimoquiños (Lugo), Nova Escena Teatro (Lugo), Lume Escénico (A Pontenova), O Centiño (Foz), O Torques (Burela), Os Trocos (Castro de Rei), Pico do Castro (Foz), A Mariña (Cervo), Grupo de Teatro da Biblioteca Municipal de Antas de Ulla, Metátese Teatro (Palas de Rei), Os Pinchacarneiros (Lugo), Argalleiras (Chantada) e Teatreiras (Monforte).