Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba acusa ao Goberno local de deixadez tralo último pleno

Por 2 Outubro, 2021Sin comentarios

“A situación de desleixo e deixadez do goberno local de Vilalba sobre os asuntos municipais saíu a relucir no último pleno”, segundo manifestan os populares. Incluso, “eles mesmos recoñecen esa política de brazos cruzados ao apoiar a nosa moción na que lle esixíamos ao goberno local cumprir os acordos plenarios que, a pesar de contar con unanimidade e, polo tanto, co seu voto favorable, aínda non foron capaces de executar”.

Concretamente, o Grupo Municipal Popular de Vilalba esixía actuacións precisas para que, antes de que remate o presente ano 2021, se proceda a sacar a licitación o novo contrato do lixo “que leva un ano rematado sen prorrogar nin licitar de novo a pesar de que a alcaldesa se comprometera a facelo antes de que rematase o ano pasado”. Tamén pedían os populares que presentara o informe xurídico sobre a situación legal do Mupav “que a alcaldesa prometera para o inicio deste ano que vai xa polo último trimestre e aínda non coñecemos”. E, tamén executar as axudas a hostalería, comercio e autónomos que foran aprobadas a comezos de ano para as que logo se aprobaron as bases nun pleno extraordinario e noutra sesión posterior se aprobara tamén a incorporación de remanentes para facer fronte a eses pagos. “O goberno aínda non fixo nada para poñelo en marcha co conseguinte prexuízo para os destinatarios”, condenan.

REGULACIÓN DO TRÁFICO

O Grupo Municipal do PP tamén se interesaba no pleno por coñecer os plans do goberno local sobre a ordenación e regulación do tráfico no casco urbano de Vilalba que é un problema complexo que “se volveu excepcionalmente difícil nos últimos tempos pola decisión unilateral do goberno socialista por converter a rúa da Pravia en unidireccional. A pesar de que no seu momento xustificaron a decisión como provisional e que no pleno de onte se comprometeron a consultar coa xente e cos grupos políticos, continúa a preocuparnos que poda ser unha decisión definitiva atendendo ás declaracións vertidas pola alcaldesa nos medios de comunicación nas últimas semanas”, segundo recorda o voceiro, Agustín Baamonde.

Os populares explican que “quedaron no aire igualmente algunhas das cuestións plantexadas coma a data na que está previsto que remate a situación de provisionalidade da rúa da Pravia con dirección única; así coma os informes técnicos aos que fan referencia para xustificar a súa decisión e que aínda non coñecemos”.

O Grupo Municipal Popular abstívose na votación dunha proposta de Vilalba Aberta sobre o transporte no rural porque “entendemos que é un tema importante; pero antes de reclamar, parece lóxico saber primeiro cal é o problema exacto ao que se lle pide poñer solución”.