Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta reforza a súa estrutura orgánica para ser alternativa de goberno no 2023

Por 3 Outubro, 2021Outubro 4th, 2021Sin comentarios

A formación municipalista presentará á veciñanza a súa nova Coordinadora nunha asemblea/festa de micro aberto o vindeiro sábado 9 na Praza da Constitución.

”Dar resposta ao crecemento” da súa base social, organizar a “presenza permanente” nas parroquias e afianzar a VA como “alternativa de goberno en 2023”. Estes son os obxectivos que fundamentan a reorganización interna coa que Vilalba Aberta pretende pór as bases para a constitución dun “partido-movemento” que lle dispute a Alcaldía a PP e PSOE.

Así o avanzou a vicevoceira municipal da formación municipalista, Mª Xosé Fernández, no contexto da presentación da asemblea/festa coa que Vilalba Aberta presentará aos vilalbeses/as a súa nova Coordinadora e proxecto político.

A COORDINADORA

Elixida por sufraxio de entre os participantes da súa asemblea, trátase dun órgano executivo, lembran, “sempre subordinado ao mandato da propia asemblea” e estruturado en once responsabilidades, a cuxa cabeza se atopará o/a novo responsable de Organización.

“Se aspiramos a ser goberno en 2023, temos que comezar a funcionar como tal”, explicou Fernández, en relación co amplo reparto de tarefas.

Con todo, dende Vilalba Aberta resérvanse a posibilidade de dar “ningún nome” ata a propia celebración do acto do día 9, pois, explicaron “cómpre ser respectuosos cos tempos que nos demos na última asemblea”.

“Aínda non podemos falar de perfís; mais o documento estatutario no que estamos a traballar separa as responsabilidades institucional e orgánica, consagrando a máxima de unha persoa un cargo, co que isto representa en termos de oportunidade de cara a que cada vez máis compañeiros/as dean un paso adiante” apuntou Mª Xosé Fernández.

ÁS MUNICIPAIS COMO PARTIDO

O citado documento consagra tamén que Vilalba Aberta concorrerá ás eleccións municipais co seu propio partido instrumental e unicamente coa marca “VA”, descartando formar parte de ningún “paraugas instrumental” con outras candidaturas ao longo do País.

“As portas están abertas e a nosa man está tendida a todas aquelas persoas que antepoñan os intereses do noso Concello por enriba de calquera outro” lembrou Fernández.

Na reformulación interna da formación tamén latexa a vocación expresada publicamente por Modesto Renda por facer de Vilalba Aberta unha organización “cada vez máis transversal, reforzando o contacto co asociacionismo veciñal, empresarial e cultural. “Sumar cada vez a máis xente” a unha formación que, en palabras de Fernández, aspira a “unir á veciñanza en torno a ideas de sentido común”.

O LEMA ELIXIDO

Para presentar o seu novo proxecto político, a formación municipalista deseñou unha grande asemblea de micro aberto a todas as persoas que desexen participar (entrada libre ata completar aforo). Pretenden así, dar inicio a esta nova etapa “predicando co exemplo” e poñendo en valor a necesidade de “darlle voz aos vilalbeses/as”.

Mª Xosé Fernández, que vinculou o crecemento de Vilalba Aberta co traballo realizado en “permanente contacto coa sociedade civil”, avanzou as intervencións de Mónica González e a do voceiro municipal da formación, Modesto Renda, que tomará a palabra xusto antes do inicio do micro aberto.

O debate, rematará con unha festa na propia carpa habilitada amenizada polos irmáns Fanego, vilalbeses e integrantes do “Dúo Estrellas”.