Skip to main content
Axenda TERRACHÁXAVilalba

Organizan un novo concurso de cabazas de Samaín en Vilalba

Por 10 Outubro, 2021Sin comentarios

Tras o éxito da primeira edición, o Concello de Vilalba presenta o II Concurso de Samaín ‘Pinta e crea a túa cabaza de Samaín’, destinado a dinamizar esta festividade a través da creación artística e da diversión.

O concurso diríxese a todos os públicos, agrupando aos participantes en tres categorías: infantil, ata 12 anos; adulto, dende os 13 anos; e artística, que inclúe a todas as idades.  

Como novidade, este ano engádase a categoría “artística”, que é compatible coas outras dúas, polo que os participantes poden competir en adulto e artística ou en infantil e artística. As cabazas entregaranse o 30 de outubro de 2021, na Praza da Constitución entre as 11:00 e as 12:00. Todas as cabazas permanecerán en exposición durante o sábado 30 de outubro na mesma praza, ambientada para a ocasión, entre as 12:00 e as 17:00.

O xurado do concurso será a cidadanía de Vilalba, deste modo, instalarase unha furna selada na propia exposición. O público asistente poderá votar polas cabazas que máis lle gusten, emitindo un voto por persoa e categoría. Ás 17:00 horas, contabilizaranse os votos na Praza da Constitución. 

O Concello de Vilalba anima á veciñanza a acudir o día 30 con disfraces típicos do Samaín. Ademais, tras a entrega de premios, o Concello presentará o espectáculo de contacontos de Rilo&Penadique ‘Historias con susto para durmir a gusto’. 

O Concello de Vilalba concederá premios aos 3 primeiros clasificados/as de cada categoría, que consistirán en vales de 75, 50 e 25 euros, respectivamente, para gastar no comercio local, así como un diploma. Os vales poderán canxearse nos comercios recollidos nas bases do concurso. 

“Nesta actividade buscamos a participación de toda a cidadanía, xa que pode participar deseñando as súas propias cabazas ou votando polas súas favoritas. Agardamos que con esta iniciativa, Vilalba goce un ano máis do ambiente festivo que trae consigo o Samaín”, subliña Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados. 

As persoas interesadas en participar deseñando a súa propia cabaza poden inscribirse ata o vindeiro 20 de outubro. As inscricións realízanse na sede electrónica do Concello https://vilalba.sedelectronica.es/ ou ben presencialmente por rexistro, 9:00 a 14:00, cubrindo a folla de inscrición dispoñible na web do concello www.vilalba.gal e na oficina de cultura.