Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba censura a “retención indebida” das axudas a comerciantes e autónomos

Por 20 Outubro, 2021Sin comentarios

Os populares de Vilalba censuran a “retención indebida” dos cartos que o goberno local lle está a deber aos autónomos e comerciantes afectados pola covid-19 despois de ser aprobado o plan municipal de axudas no pleno de xaneiro e a incorporación de remanentes para facer fronte ao seu pagamento nunha sesión extraordinaria convocada no mes de agosto.

Os concelleiros do PP inciden en que este retraso no pagamento destas axudas evidencia “a desidia, o abandono e o desastre deste goberno local”; e lamentan que “teñan que ser os autonómos e pequenas empresas as que teñan que sufrir a falta de xestión do goberno socialista”.

Os populares explican tamén que, a maiores da excesiva tardanza no pago destas axudas; hai que engadir o prexuízo que supoñen para as empresas que prestan servizos ao Concello os impagos das correspondentes facturas. A este respecto, inciden en que “o Concello de Vilalba está a incumprir a Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público que un prazo máximo de 60 días para abonar as facturas -30 para acreditar a conformidade e 30 para efectuar o pago-”; tendo en conta que “existen facturas do mes de xullo aínda sen pagar”.

O Grupo Municipal Popular xa ten advertido que “esta situación se debe á falta de persoal administrativo que non se cobre ao non estar aprobada a Relación de Postos de Traballo (RPT) que o anterior goberno do PP deixara encamiñada. A falta de persoal  dificulta sacar adiante os expedientes en tempo e forma e, polo tanto, tamén o traballo de depositaría e intervención que deriva en retrasos nos pagos”, explican.