Skip to main content
Vilalba

Sete Pontes reclama ao Concello vilalbés atención ás súas demandas

Por 22 Outubro, 2021Sin comentarios

A Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba manifestou o seu “profundo malestar” pola pasividade que ten o goberno local, con respecto a todas as peticións que levamos solicitado desde o 2019, solicitudes que agruparon nunha listaxe.

Segundo indican, hai varias prioridades para este colectivo “das que non temos nin a máis mínima información, agás escusas vagas”.

Unha das máis insistentes é a ampliación do Polígono Industrial, “tan necesaria para que Vilalba medre coa creación de postos de traballo e así non sigamos perdendo poboación”. Sober o polígono tamén demandan a humanización, limpeza, señalización vial e demais servizos, “pois presenta un aspecto de total abandono”, engaden.

Lembran tamén que solicitaron en varias ocasións un convenio de colaboración coa Asociación de Empresarios “como teñen noutros concellos” para dinamizar os sectores industrial, comercial e hostaleiro que a compoñen. Así mesmo reclaman novamente a adhesión á iniciativa Concello Doing Business para que Vilalba sexa Concello Emprendedor e “poidamos optar ás axudas da Xunta de Galicia dirixidas aos parques empresariais entre outras vantaxes”.

A Asociación de Empresarios Sete Pontes está composta por máis de 200 socios e asociados que afirman sentirse “totalmente deixados e ignorados, e xa non sabemos que facer para que esta situación cambie”, indican.

“En todas as reunións mantidas, as súas palabras eran de compromiso e de colaboración, pero lamentablemente sólo quedaron en palabras”, afirma a directiva da asociación.

“É imprescindible que un Concello se preocupe polo sector empresarial, pois é un dos motores para xerar riqueza e postos de traballo no pobo. É por isto que lle pedimos a toda a corporación local, tanto ao goberno como á oposición, que se nos teña en conta e se prioricen as nosas solicitudes polo ben de Vilalba”, conclúen.