Skip to main content
Vilalba

Elba Veleiro recibe un recoñecemento no Día do Veciño

Por 24 Outubro, 2021Sin comentarios

Máis de 1.500 persoas de toda a provincia reuníronse no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo para celebrar o Día do Veciño, unha iniciativa da Federación Provincial de Asociacións de Veciños da provincia de Lugo Lucus Augusti.

A forza da veciñanza e Lugo, esencia rural foron os dous lemas da xornada, na que a federación fixo entrega dos seus premios V de Veciño/a exemplar a todas aquelas persoas e colectivos que se caracterizan pola súa colaboración co movemento veciñal. 

Unha das galardoadas foi a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, que acudiu ao acto con Marta Rouco, concelleira de Políticas Sociais, e algún familiar.

“Unha satisfacción e un orgullo para min, como alcaldesa de Vilalba, recoller este premio das asociacións de veciños, que configuran un tecido vital na vida diaria dos concellos e dos seus barrios”, asegura Elba Veleiro.

“As persoas que actúan e traballan de forma anónima na súa comunidade máis próxima son fundamentais na nosa sociedade; aínda vivimos en tempos de pandemia e cando no futuro repasemos o que supuxo lembraremos con orgullo a solidariedade dos nosos veciños e veciñas”, apuntou a alcaldesa.

“Durante as semanas máis duras do confinamento, en ocasións de forma individual pero moitas veces a través das asociacións, moitos veciños e veciñas estiveron sempre en disposición de axudar aos nosos maiores, aos colectivos de máis risco que necesitaban comida ou menciñas pero non podían arriscar a súa saúde saíndo da casa”, lembrou Veleiro.

“Ademais deste factor humano, as asociacións veciñais desenvolven tamén un papel importante na demanda de mellores servizos para os seus barrios, xa que son testemuñas directas das necesidades que xorden no seu entorno”, engadiu.

“Quero ter unha mensaxe de felicitación para o resto das persoas homenaxeadas e reiterar o meu compromiso e a de todo o grupo de goberno de Vilalba coas asociacións de veciños, polo seu traballo para mellorar a vida da xente”, rematou Veleiro.