Skip to main content
Xermade

O PP de Xermade insta a manter e limpar as depuradoras de augas residuais

Por 4 Outubro, 2021Sin comentarios

A recollida e tratamento das augas residuais é peza clave para conseguir calidade medioambiental nos núcleos de poboación. O grupo municipal do PP de Xermade demanda do goberno local, mediante un rogo que presentará no pleno, que o Concello acometa a instalación da depuradora no Empalme de Cabreiros, así como da do Campo da Feira de Momán, e prepare as memorias necesarias para proxectar o saneamento nos núcleos doutras parroquias do municipio. Igualmente, os populares pretenden que o goberno local adopte as medidas necesarias para o mantemento, limpeza e seguimento do estado das depuradoras existentes.

O grupo municipal popular, cuxo portavoz é Antonio Riveira Requeijo, destaca as carencias do municipio en materia de recollida e tratamento de augas residuais, tanto pola falta de novas infraestruturas como polo déficit no mantemento das actuais. Nesta liña, os concelleiros populares indican que “no concello de Xermade están en funcionamento cinco plantas de recollida e tratamento de augas residuais: Roupar de Abaixo, Roupar de Arriba, Pedreiro e outras en Xermade, Candamil e Chao – Cabreiros; estas depuradoras foron construídas e renovadas en anteriores mandatos municipais, con gobernos do Partido Popular”. Agora é “evidente que non se fai un mantemento mínimo, porque xa non resulta posible o acceso ao sistema de depuración, por mor da vexetación que medra no entorno e dentro do recinto das instalacións; nin se mantén o exterior en condicións axeitadas nin se accede para limpar os filtros e ver o estado de depuración”.

Os populares explican que “no núcleo de Campo da Feira, da parroquia de Momán, existe dende hai anos unha rede de sumidoiros que dá servizo ás vivendas do núcleo e que está canalizada a unha foxa, que quedou inoperativa por falta de mantemento e por non dispoñer de medios axeitados de tratamento das augas residuais”. No PP sosteñen que “este goberno local leva seis anos mirando para outro lado e sen acometer a necesaria renovación para a depuración dos núcleos de Momán, porque non é un investimento que carrete votos”. Afirman que “actualmente é un vertido ilegal,  porque caducou a autorización da Confederación Hidrográfica para a construción e para o seu vertido ó río de Momán”. Avisan de que tal circunstancia supón unha vulneración da legalidade, que pode crear risco para as persoas e os animais que usan as augas do río Momán, incluso do Labrada, Ladra e ata o Miño”. Engaden que “nin sequera se fai unha limpeza periódica da foxa existente”. O portavoz popular di: “Agora anúnciase que se vai acometer cunha importante achega da Confederación Hidrográfica Miño – Sil; benvida sexa e esperamos que non se alargue tanto no tempo como o que leva abandonada”.

No PP din que a única iniciativa do alcalde socialista, durante seis anos, foi vender como gran milagre un convenio coa Deputación provincial de Lugo para facer unha depuradora ecolóxica para o tratamento das augas fecaisdo núcleo de O Empalme en Cabreiros. Destacan que “arestora aínda non se ve a solución a ese vertido; o convenio xa se formalizou en varias ocasións e xa quedou outras tantas anulado por non cumprir as condicións no proxecto”. Engaden que “cada ano vólvese a asinar, ata que teña outro atranco, de non atopar punto de vertido, de non gardar distancias a vías públicas  doutras administracións, de cesión dese vial, de cesión de terreos, de non dispoñer de cota para evacuar, etcétera”.