Skip to main content
LugoMondoñedo

Preséntase no Pazo de San Marcos un libro sobre o mindoniense Dino Pacio Líndín

Por 17 Novembro, 2021Decembro 22nd, 2021Sin comentarios

Este xoves preséntase na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos  Dino Pacio Líndín, o guía dunha vangarda cultural,  escrita por antigos alumnos e amizades do mestre pastoricense e editada coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A partir das  19.30 horas, o coordinador da publicación, o tamén profesor, Manuel Rivas García debullará os contidos do libro, que reflicte a fonda pegada que Dino Pacio Lindín (Xemil, A Pastoriza, 1934) deixou no seu alumnado do Seminario de Mondoñedo e que repasa a súa traxectoria en Estados Unidos onde exerceu como profesor universitario e puxo en marcha unha iniciativa para mellorar as condicións de vida dos emigrantes hispanos de Manhattan.  

Sobre o libro: anotacións achegadas por Manuel Rivas

Nos relatos reflíctese o momento de cambio que se produciu  no internado do Seminario de Mondoñedo entre os anos 60-66 do século pasado. Neles queda constancia dese lustro innovador no que se vai a pasar dunha mentalidade tridentina a unha apertura aos novos aires que veñen de Centroeuropa. Esa transformación foi posible porque nese momento e nese lugar estaba alí unha persoa excepcional con suficiente coraxe e intelixencia para levalo adiante: o profesor Dino Pacio. 

Formado en Comillas e en varias universidades europeas, con estadías estivais en París, Alemaña e Inglaterra, estaba ao tanto dos cambios que naquel momento se estaban xestando en Europa e coñecía ben as novas ideas que agromaban no campo da literatura e filosofía, principalmente en Francia. Esas ideas chocaban cunha mentalidade  que seguía sesteando tranquila no colo da neoescolástica e allea ao que acontecía alén do Padornelo.

Nos artigos aparecen esas dúas mentalidades: a máis conservadora e remisa a calquera cambio que supuxera mingua dos seus privilexios;  e outra innovadora, representada por Dino Pacio e un nutrido grupo de profesores que vían con bos ollos as súas propostas de mellora do sistema formativo. El era un home adiantado ao seu tempo, un visionario que atinou a enxergar o que ía pasar na seguinte década.

Dino Pacio foi, sen lugar a dúbidas, un xigante nun país de ananos que miraban a ras de chan e non foron capaces de erguer a cabeza e apreciar a talla excepcional dunha personalidade xenial,  capaz de transformar e mellorar a sociedade alí onde queira que se atopase.

Unha vez máis repítese tamén aquí a secular maldición sobre a nosa terra: que algúns dos fillos máis valiosos e ilustres vense forzados a abandonala para poder brillar en terra allea. Dino Pacio marchou aos EE.UU.  e sobresaíu como profesor universitario en Nova York pero, lonxe de acomodarse na súa cátedra, loitou e logrou  mellorar as condicións de vida dos emigrantes hispanos de Manhattan a través da fundación de “Solidaridad Humana” que lles posibilitou integrarse de pleno na sociedade americana a través do coñecemento do idioma e a posterior formación que os prepararía para un digno posto de traballo.

 A súa escrita non é prolífica, pero é dunha orixinalidade e densidade excepcionais. Nela

 latexa con forza a  paixón polo saber que, como gran comunicador, sabía contaxiar a todos aqueles  que tiveron o privilexio de escoitalo.

Dino Pacio

Dino Pacio Lindín ingresou en 1947 el Seminario de  Mondoñedo,  onde cursou Latín e Filosofía. Licenciouse logo na Universidade  Pontificia de Comillas, proseguiu estudios na Gregoriana de Roma, e nas Universidades  de Friburgo (Linguas Modernas) e  Harvard (Socioloxía). 

Tras a súa etapa en Mondoñedo, en 1966  trasladouse a Estados Unidos, onde exerceu como profesor nas universidades de Rochester, Forham , Cuny  (Universidade da cidade de Nova York) e Suny (Universidade do Estado de Nova York , ) antes de fundar o  seu propio proxecto docente, Solidaridad Humana, por cuxas aulas pasaban cada año más de dos mil  mozos hispanos sen recursos. 

O seu pensamento está contido nas súas dúas únicas obras: Juventud Radical 1956,  que sufriu a censura  no seu día, o  que  motivou a súa  saída de España, e un  libro entrañable para el,  Terra Húmeda, dedicado a Galicia. Completan a súa obra  algúns artigos espallados  en varias revistas e xornais. Actualmente vive en Nova York ca su esposa e as súas fillas.