Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Arranca a nova campaña financiada pola Deputación para animar as compras no comercio local

Por 16 Novembro, 2021Sin comentarios

Este luns arrancou a nova campaña Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo financiada grazas á achega que fai a Deputación de Lugo á Federación de Comercio de Lugo co obxectivo incentivar as vendas no comercio de proximidade da provincia na recta final do ano.

A Deputación achega 50.000€ a través dun convenio de colaboración coa Federación de Comercio de Lugo para sacar adiante esta iniciativa que ten como finalidade poñer en valor “a calidade do noso comercio local, a calidade e a atención que ofrecen as tendas dos nosos barrios e das nosas vilas, destacar o seu peso fundamental na economía e no emprego, e incentivar as vendas nesta recta final do ano da volta á normalidade”, subliña o Presidente provincial, José Tomé Roca.

Con esta campaña premiase con descontos aos clientes que confían no comercio local facendo as súas compras neste tipo de establecementos e, ao mesmo tempo, búscase incentivar as compras nas tendas físicas, especialmente agora nos meses de novembro e decembro cando o comercio de sempre se ve máis afectado por campañas en internet e polas das grandes superficies.

A campaña Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo nace da estreita colaboración da institución provincial co comercio, e así o explicou o mandatario provincial. “Esta campaña é un novo froito da relación de colaboración que mantemos co tecido asociativo do comercio da provincia de Lugo, e que reforzamos aínda máis dende o inicio da pandemia con diversas medidas enmarcadas no Plan de Impulso da Economía da Provincia”, asegura José Tomé.

Sorteos de 1.000 bonos

Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo desenvolverase dende este luns, 15 de novembro, ata o último día de decembro. Consistirá no sorteo de bonos de consumo de 30 euros cada un para gastar nos 5.500 establecementos comerciais minoristas da provincia de Lugo, seguindo a estratexia dos Bonos Impulso da Deputación, xa que resultaron ser un éxito. “Tanto os comerciantes, como os consumidores estiveron moi receptivos e fixeron compras que superaron as expectativas, polo que agora repetimos cunha fórmula semellante”, subliñou o Presidente.

Os consumidores participan nos sorteos ao realizar as súas compras feitas no comercio local por un importe mínimo de 10 euros. Celebraranse sorteos semanais para repartir un total de 1.000 bonos para investir nos negocios da provincia, “o que supón poñer en circulación 30.000 euros en premios polas compras feitas no comercio local”, subliñou o Presidente. Á vez, a campaña terá unha importante parte de difusión e de publicidade para animar as vendas entre a sociedade.