Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

Expomar e o Concello de Burela promoven unha recollida de xoguetes para nenos de Cabo Verde

Por 23 Novembro, 2021Sin comentarios

A Fundación Expomar e a Delegación de Inmigración, Cooperación e Integración do Concello de Burela veñen de lanzar unha campaña de recollida de xoguetes e roupa para enviar aos nenos e nenas de Cabo Verde.

As xentes de Burela amosan deste xeito a súa solidaridade coa sociedade de Cabo Verde, perfectamente integrada na vida da localidade mariñá desde hai décadas.

Colaboran nesta campaña os diferentes centros educativos de Burela, onde se poden entregar a roupa e os xoguetes dirixidos aos nenos e nenas caboverdianas ata o vindeiro 1 de decembro. O material tamén se pode entregar na Delegación de Inmigración, Cooperación e Integración do Concello de Burela ou nas oficinas da Fundación Expomar, na Praza da Mariña.

E tamén son peza fundamental nesta iniciativa os armadores bureleses de palangre de superficie que faenan nos caladeiros atlánticos das augas de Cabo Verde, pois ofrecen os colectores dos seus buques para facer chegar directamente o material recadado ata o Porto de Mindelo, na Illa de Sao Vicente. Este envío directo é o que fai posible que se leve a cabo esta campaña, pois simplifica os trámites e sobre todo os tempos de entrega nun momento de colapso do tráfico mundial de mercadorías.