Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

As OPP benefícianse de axudas para impulsar a súa actividade

Por 27 Novembro, 2021Sin comentarios

O Consello da Xunta de Galicia analizou un informe sobre as resolucións das convocatorias de axudas de 2021 ás organizacións de produtores pesqueiros (OPP) do sector da pesca e da acuicultura de Galicia que destinan preto de 2,6 millóns de euros a impulsar a súa actividade. Ese investimento, cofinanciado co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), repártese en preto de dous millóns de euros de apoio para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, aprobados e executados durante 2020, e 600.000 euros de achega para a creación e funcionamento de novas OPP.

Das achegas para os plans de produción e comercialización benefícianse oito organizacións de produtores pesqueiros e das de creación tres entidades que non chegan aos cinco anos de actividade. As subvencións para os plans das OPP permiten financiar os investimentos realizados durante o período de execución do plan, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020, así como os derivados da preparación do mesmo. Entre os gastos subvencionables están os de persoal, material, equipamento ou desprazamentos vencellados ao desenvolvemento destes programas de traballo do sector.

Os plans de produción e comercialización das OPP inclúen, entre outros aspectos, o programa de produción para as especies capturadas ou criadas, a estratexia para adaptar a cantidade, calidade e presentación da oferta ás exixencias do mercado e medidas preventivas especiais de adaptación da oferta para as especies que presentan dificultades de comercialización durante o ano.

Ademais recollen as medidas establecidas no regulamento da Organización Común de Mercados de cara á sustentabilidade pesqueira. Entre outros aspectos, fomentan as actividades pesqueiras viables e sustentables, contribúen a evitar e reducir as capturas non desexadas das poboacións comerciais, favorecen a eliminación da pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e melloran a introdución no mercado dos produtos da pesca e da acuicultura. Tamén contribúen á trazabilidade dos produtos da pesca, a rendibilidade económica e a reducir o impacto ambiental da pesca.

Algúns exemplos das actuacións que inclúen os plans que reciben axuda este ano -para proxectos desenvolvidos xa en 2020- son as relacionadas coa mellora da conectividade dos buques con terra, a preparación da frota para os efectos do brexit, a protección e formación ante a covid-19, a selectividade das artes de pesca e a redución das capturas non desexadas, o estudo da pegada de carbono do sector ou accións para mellorar a comercialización e a trazabilidade dos produtos da pesca e da acuicultura. 

A orde deste ano incluíu como novidade que a axuda financeira anual aos plans de produción e comercialización das OPP pode ser de ata o 12% do valor medio anual da produción da OPP durante os tres anos naturais anteriores á resolución da aprobación do plan. Trátase dunha porcentaxe que cuadriplica a vixente en anos anteriores (3%) froito dos cambios no FEMP para adaptarse ás dificultades derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus e co obxectivo de impulsar a actividade do sector marítimo-pesqueiro.  

Con estas achegas á creación e ao desenvolvemento das follas de ruta das OPP a Xunta reflicte a súa aposta polo reforzo das estruturas destas organizacións, que contribúen a que o sector gañe en competitividade, a dinamizar as zonas costeiras e a impulsar a economía de Galicia. Sumando as axudas das convocatorias deste ano, a Administración galega concedeu desde 2016 máis de nove millóns de euros para apoiar a actividade das organizacións de produtores pesqueiros.  

AS ORGANIZACIÓNS DE PRODUTORES

Galicia conta con 13 das 39 OPP existentes en España -delas oito son de ámbito autonómico galego e cinco de carácter nacional e transnacional- e foi a primeira comunidade autónoma de España en publicar a convocatoria para financiar a preparación e o desenvolvemento dos plans de produción e comercialización destas entidades ao amparo do FEMP. 

O marco normativo europeo actual reforza as actividades das organizacións profesionais da pesca e da acuicultura e facilita a axuda financeira necesaria para que poidan desempeñar un cometido máis importante na xestión da pesca, exercendo as súas actividades pesqueiras e da acuicultura de forma sustentable e mellorando a comercialización dos produtos.