Skip to main content
Barreiros

Vaise renovar o abastecemento de auga desde San Cosme aos núcleos de Vilar e Áspera

Por 17 Novembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Barreiros vén de asinar un convenio de cooperación coa área de Medio Rural da Deputación de Lugo que dirixe Mónica Freire para a renovación da traída de auga potable no tramo desde San Cosme aos barrios de Vilar e Áspera. 

O proxecto está valorado en 82.823,02 euros; dos que a Deputación aporta 78.681,87 euros e o Concello os 4.141,15 euros restantes. Con estas obras quedaría renovada a tubaxe principal de abastecemento cara á zona norte, subsanando as deficiencias que se deron durante moitos anos na zona comprendida entre o centro de San Cosme e os barrios de Vilar e Áspera.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, explica que “o abastecemento existente na actualidade desde o núcleo de San Cosme atópase en dous estados diferentes. Un primeiro tramo que está executado en precario desde hai máis de catro anos, con unha tubaxe ao aire libre que discorre por San Cosme e que non cumpre cos mínimos urbanísticos nin de saúde pública; xa que se trata dun material plástico exposto ás inclemencias meteorolóxicas e polo tanto, ás modificacións que poida sufrir o material polo que discorre a auga potable como consecuencia dos cambios de temperaturas. Un segundo tramo, discorre por tubaxe antiga de fibrocemento que está sometida a continuos cambio de presión en función do consumo e que xera constantes problemas de rupturas e avarías que inciden na calidade do subministro de auga que chega a fogares e explotacións existentes.”

Investimentos no abastecemento de auga. 

Deste xeito, quedaría renovada unha das zonas máis problemáticas no que se refire ao abastecemento de auga; sumándose a outras actuacións levadas a cabo noutras zonas, como a mellora no sistema de bombeo da Rilleira que se está a levar a cabo nestes días e que dá servizo a boa parte da zona interior. 

O goberno municipal manifestou que “a execución destes traballos decidiuse en base á priorización das necesidades e entendendo que o servizo de auga potable é fundamental para a poboación.” 

Neste sentido, sinalan que os investimentos son continuos e que se ten avanzado moito neste aspecto, aínda que a antigüidade das instalacións e o estado das mesmas seguirá requirindo traballar neste eido. “Son investimentos que moitas veces non se ven e que custa que se valoren, mais que entendemos fundamentais para ter uns servizos de calidade e por iso insistimos en realizalos fronte a outros que podían quedar máis vistosos, pero que non resolverían os problemas existentes”, aseguran.