Skip to main content
Cervo

Villares reclama á Deputación que “non poña en perigo” a continuidade dos GES

Por 28 Novembro, 2021Sin comentarios

Alfonso Villares, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Cervo pediu á Deputación de Lugo “que non poña en perigo” a continuidade dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) na provincia.

O dirixente local agarda que o goberno provincial rectifique e se non está disposto a mellorar o financiamento destes grupos –tal e como queren facer outras administracións como a Deputación de Ourense ou a Xunta- acepte, como mínimo, a renovación do convenio vixente, mantendo as condicións actuais.

Villares advertiu que de manter o bloqueo a Deputación de Lugo “sería responsable directa” do desmantelamento “dun servizo público esencial” para a poboación como son estes grupos que, desde a súa creación en 2013, funcionan con total eficacia.

“A Xunta de Galicia, a Fegamp e as catro deputacións provinciais colaboran no financiamento dos GES e veñen asinando os convenios e as prórrogas con normalidade. De frearse esta colaboración estaríamos trasladando o problema aos concellos base –que non teñen doado xustificar como soportar un servizo supramunicipal- e aos propios traballadores, que vén en risco a continuidade do seu posto de traballo”

Villares afirma que nunha recente xuntanza na que participaron representantes das administracións e dos concellos que son sede dos GES, que son alcaldes de moi diversas cores políticas, puideron escoitar de primeira man como todos coincidían na importancia de pedir máis financiación aproveitando a necesidade de renovar o convenio vixente, e insistían no vital que supón que os GES realicen funcións de atención e tamén de prevención de emerxencias.

Por outra banda, o vicepresidente da Fegamp explica tamén que se a Deputación de Lugo considera que existe inseguridade xurídica na fórmula actual, un paso moi positivo sería que as deputacións provinciais asumisen os GES, tendo en conta que a lei de emerxencias vixente –aprobada en tempos do bipartito- consagra que a xestión das emerxencias é unha competencia de carácter local e provincial.

Villares agarda que nos vindeiros días e semanas haxa un espazo para o entendemento pero insiste en que bloquear a renovación do convenio, xa sexa nas condicións actuais ou melloradas, “faría imposible blindar a continuidade e futuro dos GES na provincia de Lugo e dos servizos que estes prestan á cidadanía”.