Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo renova a rede de abastecemento de auga desde A Braxa ata a Costoira

Por 30 Novembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo está a renovar a rede de abastecemento de auga que transcorre polo vial de comunicación que vai desde A Braxa, na Senra, ata a Costoira, na parroquia de Castelo. Esta actuación é a primeira das tres fases previstas para achegar o abastecemento de auga ao núcleo de Trasbar.

O rexedor Alfonso Villares supervisou a realización destas tarefas de renovación xunto coa Tenente Alcalde, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez.

O orzamento total desta renovación ascende a un total de 87.168 euros, nos que a Xunta inviste 50.000 euros e o Concello de Cervo aporta os 37.168 euros restantes.

Sinala o rexedor Alfonso Villares: “Grazas á colaboración coa Xunta de Galicia, mediante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, con esta execución conseguimos mellorar a dotación existente de infraestruturas básicas, incrementando a calidade de vida deste núcleo de poboación rural, e do mesmo xeito, iniciamos o proceso para cubrir unha necesidade básica para os habitantes do núcleo de Trasbar”.

Apunta tamén o rexedor que “a anterior rede de canalización comezaba a quedarse obsoleta, polo que decidimos, xunto cos técnicos municipais, acometer unha renovación total da rede de abastecemento e así substituír a actual por unha nova que nos permita reducir custos de xeito notable”.

Por último Villares quixo apuntar que “estas infraestruturas son indispensables para a nosa veciñanza e vitais para o seu día a día, aínda que non sexan tan vistosas como outro tipo de actuacións”.