Skip to main content
Mondoñedo

Rematado o Centro de Interpretación dos abastecementos de auga de Mondoñedo

Por 21 Novembro, 2021Sin comentarios

Este novo espazo museístico, que vai complementar a oferta de Mondoñedo, recolle información acerca das traídas de auga da cidade dende o século XVIII ata a actualidade a través de textos, imaxes e pezas orixinais.

Así, no mesmo poden verse dous canos de pedra do século XVIII que abastecían o Pazo Episcopal, varios canos de cerámica usados nos século XVIII e XIX para canalizacións públicas e privadas, exemplos dos canos de ferro empregados a comezos do século XX para a instalación da traída de auga ás casas e un exemplo dos materiais modernos usados para estes mesteres.

A localización deste espazo expositivo na Fonte Vella débese a que foi un punto fundamental do abastecemento de auga para as persoas da cidade dende tempo inmemorial ata o século XX e, por outra banda, está situada ao pé da Rúa da Fonte, lugar onde se recuperaron os canos de pedra, do século XVIII, que poden verse no centro de interpretación.

O sistema de visitas a este espazo será de visita libre de martes a domingo en horario de 10.00 a 19.00 horas (coincidindo coas horas de apertura e peche da Oficina de Turismo de Mondoñedo) xa que conta con automatismos en canto á iluminación e, por outra banda, as pezas expostas están perfectamente protexidas.

Por todo isto, poderase facer unha visita, a este novo museo de Mondoñedo, con total seguridade tanto para as persoas que o visiten como para os obxectos que contén no seu interior.