Skip to main content
Ribadeo

Calar non é amar, é o lema da campaña do 25N ribadense

Por 19 Novembro, 2021Sin comentarios

A campaña do 25N deste ano do Concello de Ribadeo foi deseñada dentro da Mesa Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Está centrada na mocidade e protagonizada polos centros de ensino. Denomínase Calar non é amar. Ti, dona de ti e foi presentada no salón de plenos

O resultado do traballo realizado polo estudantado ribadense darase a coñecer o vindeiro xoves, 25 de novembro, ás oito da tarde no Cine Teatro. Mariluz Álvarez, a concelleira de Igualdade, convida á veciñanza a asistir a este acto.

A concelleira de Igualdade explicou que “como ven sendo habitual no Concello de Ribadeo todas as actividades ensambladas dentro do ámbito da igualdade, da sensibilización e da loita contra a violencia de xénero están realizadas en estreita colaboración cos centros educativos do noso concello. Polo tanto, todas estas actividades que se van facer neste 25 de novembro participan nela todos os centros educativos: o CEIP Gregorio Sanz, o colexio Sagrado Corazón de Xesús, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, o CIFP Porta de Auga e tamén a Escola Oficial de Idiomas”.

Álvarez Lastra manifestou que “desta vez a mocidade, como usuaria das redes sociais, deu un paso ao fronte e utilizou as ferramentas de TikTok e Instagram dun xeito responsable e comprometido contra a violencia de xénero. Polo tanto, elaboraron os seus TikTok e os seus Instagram, algo do que imos facer partícipe á cidadanía. Os menores de catorce anos expresaron a través de debuxos, de imáns e de cómics tamén a sensibilización e a denuncia contra a violencia de xénero. O resultado de todo o traballo vai ser feito a través dunha montaxe que imos presentar á cidadanía no Cine Teatro de Ribadeo, o 25 de novembro, con motivo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, ás oito da tarde. Polo tanto, convidamos a todas aquelas persoas que o desexen a que acudan a este acto porque realmente vai merecer a pena”.

A concelleira ribadense engadiu: “agradecemos a colaboración de todas aquelas persoas que participaron na súa elaboración e tamén convidamos á cidadanía a que se unan a nós, é dicir, o comercio de Ribadeo e a hostalería, porque sempre traballamos tamén en colaboración con Acisa, e que se fagan co material que editamos para esta campaña como un cartaz ilustrativo da mesma e uns lanyard chaveiros onde vai serigrafiado o lema, que podemos empregar esta semana especialmente, pero tamén ao longo de todo o resto do ano. Ademais deste acto do día 25, que centra a campaña internacional contra a violencia de xénero, imos ter tamén unha charla o luns 22 ofrecida pola Secretaría Xeral de Igualdade, no Cine Teatro, ás oito da tarde, que vai abordar as agresións sexuais e a violencia sexual. Volvo convidar a participar na campaña Calar non é amar. Ti dona de ti”.