Skip to main content
Viveiro

Viveiro inaugurou a III edición de Superarte

Por 30 Novembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro inaugurou a 3ª edición de Superarte, a mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional, que se prolongará ata o próximo venres, 3 de decembro.

A inauguración desta edición, dedicada ao Trastorno do Espectro Autista (TEA), celebrouse no teatro Pastor Díaz, contando coa presencia da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e da concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.

Ademais, o acto contou coa participación do padriño desta mostra, Santiago Fernández Pérez, un rapaz de 15 anos con TEA quen deu conta da súa propia experiencia.

“Durante toda a semana organizamos representacións teatrais, charlas, xornadas de análise, entre outras actividades. O noso obxectivo é concienciar á cidadanía unindo a diversidade funcional e a cultura”, subliña Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro.

Superarte cumpre este 2021 a súa terceira edición, mostra do compromiso do Concello de Viveiro coa inclusión. Tras a inauguración, representouse a obra de teatro “Hugo”, da compañía de teatro “Os Náufragos”, dando comezo á ampla programación desta semana.

“Superarte é a semente dun proxecto de inclusión moito máis amplo. A raíz desta mostra de teatro, no Concello de Viveiro decidimos poñer en marcha o proxecto Viveiro Inclúe”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

Dito proxecto artella varias iniciativas que buscan converter Viveiro nun lugar máis accesible para as persoas con diversidade funcional. Esta iniciativa en Viveiro foi pioneira na comarca, marcando a iniciativa do Concello neste eido.