Skip to main content
Axenda Caducada

A Pastoriza recupera desde este venres o programa Mulleres do Miño

Por 4 Novembro, 2021Novembro 20th, 2021Sin comentarios

O Concello da Pastoriza pon en marcha dende este venres unha nova edición de Mulleres do Miño, unha iniciativa que ten como obxectivo visibilizar a relidade das mulleres coincidindo co 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero.

Este ano, o programa segue apostando por iniciativas culturais e educativas como medios para prometer unha concienciación cidadá sobre a necesidade dunha igualdade real e efectiva.

As iniciativas de Mulleres do Miño comezan este venres día 5 de novembro coas actividades escolares que se desenvolverán no IES Fonmiñá, no CEIP O Salvador e no CEIP de Bretoña a cargo da psicóloga e bailarina Xiana Vilas. A actividade titulada Danza Contemporánea para a igualdade ten por obxectivo ensinarlle aos e ás participantes formas de relación lonxe dos prexuízos sexistas e tomar consciencia do outro como un semellante, destacando o labor histórico do traballo das mulleres no ámbito da danza e desvelando o contido machista existente en letras de cancións e músicas actuais. Finalmente créase unha coreografía colectiva para o desenvolvemento da cohesión grupal e as capacidades artísticas do alumnado.

Por outra banda o venres 26 de novembro ás 20:00h no auditorio da Casa da Cultura terá lugar a presentación do libro Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán coa presenza da autora, María Pilar García Negro. A profesora e investigadora examina, neste ensaio, o feminismo de Emilia Pardo Bazán e a súa actitude ante a lingua e literatura galegas.

O sábado 20 de novembro ás 17.00 h. no Auditorio da Casa do Concello da Pastoriza chega o teatro da man da compañía Avelaíña Teatro coa representación da obra A Lola, unha homenaxe a todas esas mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista. Un relato que xoga co presente (mediados dos anos sesenta) e o pasado (os anos da Segunda República e os inmediatamente posteriores ao golpe militar de xullo de 1936). A súa trama está determinada polo que se denomina o “pasado non ausente, ou sexa, polo feito de que o sucedido nos anos da represión posterior ao golpe segue a determinar as vidas e as condutas de varias xeracións, porque o silencio sobre aqueles feitos impide a superación do trauma.Na obra recréase o ambiente, ideais e confrontacións entre as dúas formas de entender a sociedade: os valores da tradición patriarcal e escolástica dos golpistas fronte as ideas constitucionais de progreso e liberdade.

Ademais das iniciativas destinadas ao público presencial, o programa seguirá presente nas RRSS Facebook e Instagram para seguir visibilizando figuras femininas destacadas da nosa historia e dar conta dos actos do programa, todo elo encamiñado a seguir escribindo a historia en feminino desde A Pastoriza.