Skip to main content
Axenda Caducada

Muras acolle unhas xornadas de Adega sobre patrimonio cultural e natural

Por 5 Novembro, 2021Novembro 14th, 2021Sin comentarios

Adega presenta as xornadas Aproximación ao patrimonio cultural e natural dos valados na paisaxe da Reserva da Biosfera Terras do Miño que se desenvolverán no Concello de Muras na fin de semana do 13 e 14 de novembro.

O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer o patrimonio cultural e ambiental galego, sendo os valados en pedra seca elementos característicos das paisaxes cercadas ou en bocage, e pezas de gran importancia na conservación da biodiversidade proporcionando acubillo a multitude de especies. As diferentes tipoloxías e materiais, propios de cada zona, conforman a nosa paisaxe e identifica os usos tradicionais do solo, sendo a técnica de construción de pedra seca Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade segundo a Unesco.

A presentación das xornadas terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño o venres 5 de novembro ás 17h cunha pequena intervención teatral de Downlugo – Asociación Síndrome de Down de Lugo, e a poesía de Adela Figueroa Panisse, presidenta de adega-Lugo.

As xornadas darán comezo o sábado 13 de novembro ás 10.30h cun seminario no que contaremos con Mercedes Máquez do Grupo de investigación da escola galega da paisaxe da Fundación Juana de Vega; Ricardo Polín Doutor e investigador dos camiños, Xoán Ramón Vidal Romaní do Instituto universitario de xeoloxía da UDC, e Ramsés Pérez de Adega.

Despois do seminario teórico faremos unha ruta interpretativa pola zona, e facer unha caracterización e valoración dos muros que atopemos segundo o visto na parte teórica.

O domingo 14 de novembro de 10.30 a 15.00 está previsto un obradoiro de reconstrución dun muro coa técnica de xunta seca, para o que contaremos co artesán José Luis Canteiro que nos ensinará a preparar e colocar a pedra.

Os dous días haberá servizo de autobuses gratuíto dende Lugo, e desfrutaremos dun xantar de convivio ao rematar as actividades. O autobús sairá dende Lugo ás 9h e retornará ás 18h dende Muras.

As persoas que queiran asistir as xornadas teñen que rexistrarse antes do xoves 11 a través do formulario (https://forms.gle/ophSNCR7KcVxEZuA8) aloxado na web de Adega (www.adega.gal).