Skip to main content
Axenda Caducada

Muras acolle unhas xornadas sobre muros tradicionais organizadas por Adega Lugo

Por 10 Novembro, 2021Novembro 14th, 2021Sin comentarios

Esta fin de semana Adega organiza unhas xornadas no Concello de Muras para dar a coñecer o patrimonio cultural e ambiental galego, sendo os muros en pedra seca elementos característicos das paisaxes cercadas, e pezas de gran importancia na conservación da biodiversidade. As diferentes tipoloxías e materiais, propios de cada zona, conforman a nosa paisaxe e identifica os usos tradicionais do solo, sendo a técnica de construción de pedra seca Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade segundo a UNESCO.

As actividades distribúense en dúas xornadas matinais. A primeira será o sábado 13 de novembro con saída dende Lugo ás 9.00 horas para comezar o seminario ás 10.30 no Local Social (Rúa Enrique Guzmán, Muras)  co título Aproximación ao patrimonio cultural e natural dos valados, na paisaxe da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Participarán Mercedes Máquez, do grupo de investigación da escola galega da paisaxe Fundación Juana de Vega; Ricardo Polín, doutor e investigador dos camiños históricos; Xoán Ramón Vidal Romaní,  do Instituto universitario de xeoloxía da UDC, e Ramsés Pérez, de Adega.

Sobre ás 12.00 continuarán cun roteiro interpretativo para remtar cun xantar de convivio no local Social. Regreso a Lugo previsto ás 17.00 horas.

O domingo continuará a formación ás 10.30 con novo obradoiro formativo de reconstrución coa técnica de xunta seca, dun muro situado no Camiño das Ucheiras no Concello de Muras. Estará o artesán José Luis Canteiro que ensinará a preparar e colocar a pedra. Este taller ten prazas limitadas a 20 persoas. Tamén haberá xantar e o regreso previsto á mesma hora.

Haberá servizo de autobuses de balde dende Lugo e petiscos ao rematar as actividades.

As persoas que queiran asistir as xornadas teñen que rexistrarse antes do xoves 11 a través da web de Adega (www.adega.gal).

Estas xornadas están organizadas ao abeiro da Subvención da Reserva da Biosfera Terras do Miño para o desenvolvemento de actuacións de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico deste territorio na anualidade 2021.