Skip to main content
Axenda Caducada

Timparrantela actuará hoxe no Patio do Vello Cárcere

Por 25 Novembro, 2021Sin comentarios

Lugo contará no patio do Vello Cárcere dun concerto da banda ourensá Timparrantela e a representación de “Tabú” de Tarabela Creativa, propostas culturais que teñen detrás creadoras comprometidas co feminismo.

Esta actividade enmárcase na programación que a Deputación Provincial preparou polo 25N  xa que a produción cultural con perspectiva de xénero xoga un papel moi importante na sensibilización en relación cos mecanismos estruturais que están detrás da violencia machista e polo tanto na súa prevención.

Concerto de Timparrantela

Este xoves, 25 de novembro, ás 19.00 horas, o Patio do Vello Cárcere acollerá o concerto da formación ourensá Timparrantela. Con composicións de Olga Brañas, letras de diferentes poetas galegas e galegos e arranxos musicais de Pedro e Pablo Pascual (Marful), a súa banda está formada por: Lorena Sotelo (voz), María Blanco (violino), Olalla Rodríguez López (clarinete), Olalla López Rodríguez (saxofón), Olga Brañas (piano e pandeireta), Raquel Huete (tuba e baixo eléctrico) e Marta Figueiredo (percusión).

O seu ámbito estilístico conecta tanto coas músicas do mundo como coa tradición da verbena, reinventándoa e conferíndolle elegancia. Na primavera de 2020 Timparrantela presenta o seu primeiro traballo discográfico, “Se te quixen foi polos grelos”, con letras cheas de retranca e de apoderamento.

Representación da obra “Tabú” de Tarabela Creativa

O luns 29, tamén no Vello Cárcere, Tarabela Creativa representa “Tabú”, un espectáculo de Carmen Conde, que nace froito das conversar recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, O Courel, A Mariña, a Costa da Morte e o Coutro Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. O espectáculo, con narración oral e música en directo, busca trasmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade das mulleres, que explican o que somos agora: fillas do Tabú. Ligazón ao dossier do espectáculo: https://tabu.gal/o-espectaculo